Contracultura

Beatriz Maceda: "Luísa Villalta era unha persoa adiantada ao seu tempo e con moita cultura"

Beatriz Maceda (A Coruña, 1963) é unha das autoras do álbum ilustrado 'Luísa Villalta. Alma de violino' (Xerais), xunto coa escritora Eli Ríos e a ilustradora Laura Suárez.
Laura Suárez, Beatriz Maceda e Eli Ríos na presentación da obra na libraría Lila de Lilith de Santiago. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Laura Suárez, Beatriz Maceda e Eli Ríos na presentación da obra na libraría Lila de Lilith de Santiago. (Foto: Nós Diario)

—Como acabaron por involucrarse as tres neste proxecto?
Eu levaba tempo con ganas de facer un álbum ilustrado para as Letras Galegas. A miña parte docente vía que todos os anos quedaba un espazo para unha obra así. Quedaban crianzas como descolgadas. Non porque non se fixeran bos libros, evidentemente, senón porque hai unha parte do alumnado que prefire ler un libro de menos páxinas e con ilustracións. Era facer algo diferente. Xerais estaba disposta e falaron con nós as tres.

No que respecta ao proceso de escrita en si, primeiro Eli e eu fixemos o texto e, unha vez que o rematamos, comezou Laura a facer a súa parte. Eli e eu, a nivel docente, xa traballaramos xuntas, facemos parte da Sega e somos compañeiras e amigas. Por todo isto foi moi doado traballar xuntas e non houbo ningún tipo de problema: ao contrario, foi moi enriquecedor. E pola parte de Laura, ademais de ser moi boa ilustradora, é unha persoa coa que dá gusto traballar.

Tamén é que creo que hai que ter esa actitude: gústame moito traballar en equipo e, de feito, penso que se fai menos do que se debería. Para atopar o título, un día decidín buscar as partes do violino, totalmente descoñecidas para min. Descubrín esta pequena peza, alma, que non vai encolada e da que depende o son do instrumento. Depende da precisión coa que a faga o luthier e a coloque.

—Luísa Villalta foi unha persoa que se caracterizou pola paixón e o compromiso en diversas áreas. Como se achegaron á súa figura?
Claro, precisamente, o primeiro pensamento foi “como facemos isto?”. O noso interese non era entrar na súa vida persoal, non queriamos facer unha biografía ao uso. Ao final pensamos nas cousas que eran importantes para ela e entre esas xurdiu a palabra. De feito, é unha autora moi precisa coa palabra, é polo que destacan os seus textos, entre outras cousas. Nunca sobra nin falta nada. Sabemos, por amizades dela, como Marga do Val, que ás veces pasaba días e días dándolle voltas a unha palabra ou a unha frase. A palabra ademais como algo propio da comunidade, algo que temos que compartir e a través do cal podemos construír. Por iso, decidimos estruturar o libro en palabras que eran importantes para ela: violino, lingua, Galiza, compromiso...

Era unha persoa comprometida e coherente, tiña as ideas moi claras, cando menos con respecto aos temas que a atravesaban. A súa forma de pensar está en todos os seus artigos, no gran libro de poemas que é Papagaio. Eu sempre digo que non sei se haberá unha cidade que teña un libro de poemas tan fermoso como ten A Coruña en concreto, e ademais que a describa dunha forma tan sensíbel. Foi un libro que eu lin no seu momento na casa e que volvín relelo percorrendo a cidade por etapas, que creo que é un xeito moi fermoso de lelo. Foi unha innovadora absoluta no teatro e defendía sempre a Galiza por enriba de Galicia. Por iso escollemos todas esas palabras para contar a súa historia. 

—Mudou dalgún modo a relación que xa tiña con Villalta?
Achegoume máis a ela. Lemos practicamente toda a obra, cousas que eu aínda non lera, co obxectivo de ver a Luísa a través do que ela escribiu e de como o fixo. Isto tamén me permitiu admirala moitísimo máis. É unha adiantada ao seu tempo: ela xa falaba de Palestina e só hai que ver como estamos nestes momentos. Era unha persoa cunha cultura inmensa e ademais no que respecta a áreas moi diversas: historia, filosofía, ciencia, música... A mágoa foi que morrera tan nova, porque todo o que podería ter aportado sería incríbel.

Ademais, sempre estaba no lugar preciso. Creo que Luísa é unha autora por descubrir para moitísimas persoas. A propia Laura dicíao nunha das presentacións: “Luísa non viña en ningún libro de texto cando eu estudei”, e ten 29 anos. Hai que ler o seu teatro, que non se levou o suficiente aos escenarios; hai que ler a súa poesía, ensaios e artigos.

Comentarios