Comezan ás xornadas sobre patrimonio no Museo de Lugo

Persoas expertas no estudo das villae romanas interveñen nas xornadas, que se celebran entre os días 5 e 6 no Pazo de San Marcos

Aurelia Balseiro, Iria Castro e Eduardo Ramil, na presentación das xornadas.
photo_camera Aurelia Balseiro, Iria Castro e Eduardo Ramil, na presentación das xornadas.

A deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, inaugurou esta sexta feira, 5 de abril, as VII Xornadas de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, que decorren durante os días 5 e 6 de abril no Pazo de Marcos baixo o título As villae na Gallaecia. Establecementos agrícolas-señoriais de época romana.

Coordinadas por Aurelia Balseiro, directora do Museo de Lugo, e polo doutor en prehistoria Eduardo Ramil, as xornadas reúnen persoas expertas nestas instalacións que adoitaban aglutinar edificacións dedicadas ao aproveitamento, transformación e almacenaxe de diferentes produtos e que mudaron a paisaxe agraria da Gallaecia tras a conquista romana de toda a península, así como exemplos de proxectos de investigación e valorización deste patrimonio como Museo das Vilas Romanas de Almenara de Adaja e Puras, en Castela e León.

 

En paralelo ás xornadas, o Museo de Lugo acolle unha exposición con material divulgativo e explicativo sobre o patrimonio arqueolóxico, conservado no museo, vinculado coas villae romanas documentadas el Lugo.

A mostra inclúe unha escolma de pezas representativas do material custodiado nas zonas de reserva do MPL, situada a carón das vitrinas da colección estable onde se expoñen pezas arqueolóxicas procedentes de villae lucenses.

Móstranse materiais dos xacementos de San Vicente de Castillón (Pantón), Vilar da Graña (Roupar, Xermade), Area (San Xiao de Faro, Viveiro), Sta María de Proendos (Sober), Quintá (San Vicente da Grade, Chantada) e Agro de Parapar (Barbaín, Lugo); algúns deles expostos ao público por vez primeira, como un fragmento de estuco procedente da villae marítima de Area (Viveiro), dous chocallos achados en Proendos (Sober) e un ponderal de 40 libras, de Castillón (Pantón).

A mostra, comisariada por Enrique Alcorta, Aurelia Balseiro e M.ª Ofelia Carnero, pode visitarse até o 31 de maio na sección de Prehistoria e Arqueoloxía do museo provincial.

Comentarios