Gastronomía

Redondela prepárase para unha nova e multitudinaria Festa do Choco

Haberá concertos, degustación de diferentes pratos con este cefalópodo como protagonista e outros eventos entre o 11 e o 14 de maio.
A Festa do Choco vai xa pola 36ª edición. (Foto: Xunta)
photo_camera A Festa do Choco vai xa pola 36ª edición. (Foto: Xunta)

A veciñanza de Redondela (comarca de Vigo) ultima os preparativos para unha das citas máis agardadas do ano, a Festa do Choco, que neste 2023 alcanza as 36 edicións. Entre esta quinta feira, 11 de maio, e o domingo, día 14, a localidade tornará no epicentro deste popular produto do mar recuperando o formato previo á pandemia, instalando de novo unha carpa de degustación e promoción do choco.

Como 'aperitivo', a orquestra Panorama abrirá as festas esta quinta feira, ás 22 horas, cun concerto no campo da Feira. Xa ao día seguinte o evento quedará inaugurado oficialmente ás 19.30h, coa apertura da citada carpa de degustación, onde as empanadas, os guisos, os arroces e outras receitas con presenza do cefalópodo serán as protagonistas.

Media hora despois, na Alameda de Castelao, actuará a orquestra de Saxos, á que contra as 23h substituirá, no campo da Feira, o Combo Dominicano. Aliás, ás 16h e as 17h partirán os barcos que farán un pequeno roteiro pola illa e ensenada de San Simón, a un prezo de 5 euros por persoa.

A xornada do sábado principiará, coa apertura da carpa de degustación en horario continuo até o feche, ás 10.30h. Contra o mediodía (12.30h) amenizará o evento o grupo de gaitas e baile tradicional Airiños de San Simón, e ás 13.15h, no campo da Feira, o chef do restaurante Malasangre David Couñago ofrecerá un showcooking.

Entre as 17 e as 19.30h será a quenda do espectáculo Redondela danza na rúa, en diferentes emprazamentos —praza da Torre, Alameda, pista da Xunqueira, praza de Ponteareas, praza da Constitución e praza do Concello—, e ás 17.30h sairá da praza de Ribadavia a IX Scooterada Vespartana —roteiro de motos Vespa—. A Rondalla de Redondela (20h), na Alameda, e a orquestra La Fórmula (23h), no campo da Feira, rematarán a xornada musical. E ás 12h, 16h e 17h partirán novos barcos cara a San Simón.

Finalmente, o domingo a carpa abrirá tamén ás 10.30h e até a hora de feche, e ás 11h coincidirán no tempo unha nova xornada da IX Scooterada Vespartana e o pasarrúas da Banda de Música de Chapela. Contra as 12.30h darán o pregón, no campo da Feira, Eduardo R. Cunha Tatán, Andrés Xiráldez e Luis Borines, da compañía de títeres Tanxarina, que dará paso ao concerto (13h) de Gure Terra e Pandeirela.

Xa en horario de tarde, ás 18h, actuará na Alameda o grupo Tanto nos ten, e no campo da Feira, ás 20h, chegará a quenda de Budiño. Fechará as Festas do Choco, ás 22h no campo da Feira, Lontreira. E durante todo o domingo —12.30h, 16h e 17h— haberá novos roteiros en barco.

Comentarios