Contracultura

Hadrián Román e Adriana del Río: "En Vigo había dous modos de entender a festa: o carnaval burgués e o Entroido popular"

Adriana del Río, historiadora da arte, e Hadrián Román, historiador, escribiron o libro 'O Merdeiro. Personaxe da Ribeira', editado este mes pola Asociación Etnográfica A Merdeira, onde recollen anos de investigación e traballo arredor desta tradicional figura do Entroido de Vigo.
O historiador Hadrián Román e a historiadora Adriana del Río publican 'O Merdeiro. Personaxe da Ribeira'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O historiador Hadrián Román e a historiadora Adriana del Río publican 'O Merdeiro. Personaxe da Ribeira'. (Foto: Nós Diario)

—Como foi o proceso de investigar arredor da figura do Merdeiro?
Adriana del Río: A idea de facer un libro xa levaba anos aí. Chegou a nós o estudo de Xerardo Santomé, O Merdeiro: un personaxe do Entroido vigués (Apuntamentos para a súa recuperación) (2006), e grazas a el esta figura saíu de novo á rúa, temos moitísimo que agradecerlle. Nas diversas saídas que fomos tendo ao longo destes anos e tamén a nivel familiar xurdiron moitos informantes. Aí démonos de conta de que o Merdeiro non estivo tan oculto nin se perdera como pensabamos. Foi unha figura que estivo aí latente e tivemos a necesidade de expor todo isto e sacalo cara a fóra continuando o que comezou Xerardo.

Hadrián Román: O traballo baséase en varios anos de investigación tanto en fontes orais como nos arquivos. Neste segundo punto fixo un papel moi importante Xerardo con toda a prensa de comezos de 1920. Investigamos as fotografías que sabiamos que podía haber na revista Vida Gallega e traballamos moito no Arquivo Pacheco. Atopamos moitas fotografías fundamentalmente referidas a un carnaval burgués: carrozas que saían pola cidade creadas polas sociedades recreativas. Isto é o que contrapomos, os dous modelos de entender a festa que existían en Vigo: o carnaval burgués e o Entroido popular.

—Dicían que non se perdera tanto como se pensaba, mais como foi desaparecendo das rúas?
A.R.: Parece que houbo unha parada a causa da Guerra Civil e o franquismo porque efectivamente a súa saída á rúa estaba prohibida. Con todo, a través de informantes, démonos de conta de que realmente esta figura pasou a unha esfera privada e incluso clandestina. Por exemplo, en época de Entroido os avós dunha señora vestían de merdeiros para asustar os netos, mais tamén sabemos que o Merdeiro seguía saíndo, en grupos moi reducidos, de taberna en taberna. Tamén reparamos en que o pouso desta figura, o seu espírito, mantívose. As viguesas e os vigueses nados nos anos 80, nos 90 iamos á Rúa do Príncipe vestidas co típico mono de pintor a guindarnos auga e pintura. Algo que, por certo, tamén foi prohibido tempo despois, neste caso, a causa do grupo Inditex. A avoa de Hadrián mesmo lembraba que o seu pai se vestía de merdeiro, mais nunca nolo manifestara até que comezamos a encargarlle algunhas roupas e a describírllelas.

H.R.: Até 2006 sempre se pensou que a figura desaparecera antes da Guerra Civil, tanto por ser atacada socialmente como polas administracións. De feito hai bandos do alcalde e das autoridades prohibindo a saída de máscaras. Ben é certo que a partir do traballo de Xerardo Santomé soubemos que non foi así, que o Merdeiro se refuxiara na clandestinidade que lle permitira a época porque o control social era moi forte. No ámbito familiar, por exemplo, apareceron fotografías de crianzas vestidas de merdeiros, que van desde hai cen anos até hai apenas vinte ou trinta, porque era tradición. Esta é unha parte que temos pendente de plasmar nunha futura reedición.

—Neste sentido destaca tamén o papel do tecido asociativo na recuperación do Merdeiro.
A.R.: O estudo de Xerardo Santomé foi editado polo Centro Social A Revolta do Berbés e a Asociación Veciñal do Casco Vello de Vigo, e grazas a estas dúas entidades puidemos ter un punto de encontro, un lugar onde gardar os traxes e incluso medrar tanto como o fixemos. De feito, tivemos a necesidade de crear outro colectivo, a Asociación Etnográfica A Merdeira, para a difusión e o coidado da propia máscara.

Sen este primeiro tecido non tería sido posíbel. E tamén falo en presente porque seguimos precisando a Asociación Veciñal do Casco Vello para gardar as cousas porque non temos un local propio. Ese é outro debate: ver como está medrando esta máscara e que non contemos co apoio institucional que merecemos.

Comentarios