Contracultura

Montse Dopico: "Grazas a 'Abonda con vivir' descubrín unha Villalta moito máis activista do que sabía que fora"

Montse Dopico (A Pontenova, A Mariña, 1977) é a autora de 'Abonda con vivir' (Xerais), unha análise literaria, sociolóxica e histórica arredor da figura de Luísa Villalta a través da memoria das persoas que a coñeceron.
A escritora, xornalista e docente Montse Dopico (Foto: Alberto Fílmate).
photo_camera A escritora, xornalista e docente Montse Dopico. (Foto: Alberto Fílmate).

—Comezou o proceso de documentación co arquivo do Centro Ramón Piñeiro fechado. Como mudou isto a dirección á hora de escribir a biografía?
Efectivamente, eu contaba con facer unha biografía máis convencional. Non sabía exactamente que había nese arquivo, polo que fun falar con eles e así souben que había moita documentación persoal; moitas cartas, porque Luísa tiña moito costume de escribilas en papel, e varios inéditos. A min encargáranme a biografía moi pouco despois de saberse que o Día das Letras Galegas ía estar dedicado a ela. Comecei lendo a súa obra e cando quixen acceder ao arquivo atopeime con que, ao estar eles traballando, até que acabasen non ían poder abrilo a investigadores.

Antes diso eu xa pensaba en facer algunha entrevista, mais ao atoparme nesta situación decidín centrar toda a biografía nestas conversas. Pasei das dez entrevistas que tiña planificadas inicialmente a facer máis de 40. Están divididas en dous perfís: amizades de Villalta de diferentes épocas da súa vida e persoas que non a coñeceron persoalmente, mais que saben moito da súa obra. Así, saíu o que considero que é unha reportaxe en profundidade e unha biografía de autora.

—Cre que ao final foi positivo?
Diría que si, que foi moi bo para min. De feito, na presentación que fixemos en Santiago, Fran Alonso comentaba precisamente que xogara ao meu favor. Se non fora por iso, seguramente tería saído unha biografía moito máis convencional. A obra ao final é un relato reportaxeado da súa obra e, despois de cada capítulo, hai unha entrevista que trata de afondar en cada unha das obras. Creo que está escrito nun ton divulgativo, doado de ler, mais que non lle quita ese grao de profundidade.

—Como foi o proceso de ir facendo esas entrevistas?
A obra Poesía reunida 1991-2004 (Galaxia) de Armando Requeixo ten un limiar que é un pequeno resumo das liñas básicas da vida e obra de Luísa Villalta. Aí, el cita amizades dela e as asociacións nas que ela colaborou. Así, contactei con alguén de cada unha desas asociacións e centros nos que traballou. Despois uns faláronme doutros e así fun tirando do fío. De feito chegou un tempo no que tiven que parar porque senón non me ía pór a escribir nunca.

Todo o mundo foi moi xeneroso. Creo que tamén axudou o feito de que moitas das amizades de Luísa pertencían ao mundo da música, literatura e demais, polo que moitos dos entrevistados eran persoas que eu xa entrevistara previamente e que me coñecían. Tamén houbo algunhas persoas que non quixeron participar no libro e outras que non puideron responder a tempo, polos ritmos editoriais. Mais como digo, en xeral a resposta foi moi boa.

—Como mudou a súa visión de Luísa Villalta?
Sinto que agora teño unha visión moitísimo máis completa. Antes de comezar con este traballo só coñecía as súas últimas obras e isto permitiume ver a evolución da súa obra dunha forma completamente diferente. Eu participara, por casualidade, nun roteiro de Luísa Villalta, cando a plataforma A Sega lle dedicou o día das Galegas nas Letras, lendo un poema dela.

Nese momento e até este traballo tampouco coñecía practicamente nada da súa vida. Grazas a isto descubrín unha Luísa moito máis activista do que eu sabía que fora. A súa obra non se podería entender sen este activismo, especialmente do que fixo a partir dos anos 90.

Comentarios