Ousende, a aldea de 23 habitantes que viste de gancho para alegrar o Nadal ao único neno

"A idea é visibilizar a vila, que para o perto que está de Ourense poidamos recibir algo máis de visitas, que a xente vexa como é. Hai moitas casas que están abandonadas ou en venda desde hai anos e non se compran. Isto serve para darlle un pouco de actividade e dalo a coñecer", salienta Pilar, veciña e promotora desta iniciativa.
A peculiar árbore de Nadal de Ousende, en Paderne de Allariz. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera A peculiar árbore de Nadal de Ousende, en Paderne de Allariz. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

De todas as árbores que circundan a pequena aldea de Ousende (Paderne de Allariz, comarca de Allariz-Maceda), hai unha que chama especialmente a atención do visitante. Ten cinco metros de altura e tres de diámetro, pero non son as súas medidas as que a converten nunha árbore diferente, senón a morfoloxía: está feita con agulla de gancho.

A árbore, porén, non é o único elemento do Nadal manufacturado nesta aldea de tan só 23 habitantes a partir da técnica do croché. Hai tamén un poboado enteiro en miniatura, realizado con caixas e forrado con gancho; unha segunda árbore —máis pequena— situada a un costado da fonte; postes da luz revestidos empregando o mesmo método, e decenas de atrapasoños que decoran fachadas e farois.

"Empezamos a facer todas estas cousas para darlle un pouco de alegría e actividade ao pobo", explica, en declaracións á axencia Europa Press, Pilar, veciña da aldea e principal artífice dunha iniciativa que contou co apoio de todos os habitantes da parroquia. "Empezamos en xaneiro a ganchillar a árbore porque xa sabiamos que nos ía a levar tempo. En facer cada cadro dos que leva, tardamos sobre unha hora. Non contei os cadros que ten, pero así a ollo diría que son máis de 300", revela esta veciña, para acto seguido relatar o esforzo que se esconde após cada puntada a croché: "Montámolo na estrutura a principios de novembro e aí démonos o atracón final porque lle faltaban dous metros para chegar ao chan".

O gancho e a artesanía protagonizan nestas festas as rúas de Ousende. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
O gancho e a artesanía protagonizan nestas festas as rúas de Ousende. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Unha árbore para o único neno da vila

A árbore de gancho da aldea de Ousende tardou nada menos que once meses en adquirir o seu actual tamaño. Hoxe preside a entrada á vila facendo as delicias de visitantes e aldeáns, fundamentalmente dun, Marco, que asistiu a todo o seu proceso de crecemento. "A idea desta decoración xurdiu en realidade pensando en Marco, que ten seis anos e é o único neno desta aldea. Para que puidese gozar do Nadal", confesa Pilar. O proxecto, desenvolvido no seo dunha aldea envellecida, habitada na súa maioría, subliña, "como tantas outras da provincia de Ourense por persoas maiores", terminou por converterse nunha sorte de reclamo turístico.

"Aínda que hai máis árbores deste tipo noutros sitios, todas as persoas que veñen quedan asombradas. Entre a altura, o colorido, as luces e como foi montado, rodeado de alpacas, queda moi bonito. Non é o único que hai no mundo, pero o resto están en pobos ou vilas moito máis grandes", puntualiza Pilar, antes de agregar: "Marco, ademais, está encantado e até fai de guía turístico. Di que esta é a mellor decoración de Nadal".

Ousende dá a benvida ás e os visitantes con moita cor. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Ousende dá a benvida ás e os visitantes con moita cor. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A 'Árbore de Nadal de Ousende' —que así figura en Google Maps, para facilitar a súa localización ás persoas visitantes— permanecerá en pé como mínimo, anuncia Pilar, "até finais de xaneiro", unha manobra turística centrada tamén en "dinamizar o medio rural".

"A idea é visibilizar o pobo, que para o perto que está de Ourense poidamos recibir algo máis de visitas, que a xente vexa como é. Hai moitas casas que están abandonadas ou en venda desde hai anos e non se compran. Isto serve para darlle un pouco de actividade e dalo a coñecer", manifesta, a modo de conclusión, a veciña. E é que a tan só 20 quilómetros de distancia da cidade de Ourense é posíbel gozar dun auténtico Nadal de gancho.

Comentarios