Día das Letras

A RAG celebra o "compromiso e coherencia" de Gurriarán e pide á Xunta "novas vías de colaboración"

A Academia organizou un pleno especial en Córgomo, de onde era natural o poeta, con motivo do Día das Letras Galegas.
Pleno da Real Academia Galega decorrido no Córgomo esta terza feira por mor do Día das Letras. (Foto: RAG)
photo_camera Pleno da Real Academia Galega decorrido no Córgomo esta terza feira por mor do Día das Letras. (Foto: RAG)

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, dirixiuse esta terza feira ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a homenaxe ao poeta Florencio Delgado Gurriarán, para transmitirlle a súa petición de abrir novas vías de colaboración para superar os "novos desafíos" aos que se enfronta o galego.

"Se aceptamos que a lingua é un territorio de unión, modernidade e afectos, marca de identidade por riba das siglas e as diferenzas, oxalá saibamos atopar novas iniciativas para avanzar no seu desenvolvemento", aseverou Freixanes durante o acto no que Córgomo celebrou a vida e obra do poeta valdeorrés, "exemplo de coherencia e compromiso" e símbolo do exilio mexicano.

Aliás, o presidente da RAG sinalou a relevancia deste acto por contar coa presenza do novo presidente galego, Alfonso Rueda. "Esta vez ten especial significación porque é o primeiro acto da Academia no que participa o presidente recentemente elixido no cargo", proclamou Freixanes.

A institución académica precisou que Delgado Gurriarán é o homenaxeado desta edición das Letras Galegas non só pola súa traxectoria literaria, senón tamén polo seu percorrido vital.

O académico numerario Ramón Villares resaltou o labor do poeta para salvar umerosos galegos organizando a súa evacuación cara ao exilio, e cualificouno como o episodio "máis heroico" da súa traxectoria vital. O acto conmemorativo decorreu na Aira dos Bolos, unha localización especial da infancia de Florencio, pois é onde xogaba aos 'birlos' co resto de nenos corgomeses.

Así o inmortalizou o propio autor no poema que titulou co nome da súa localidade natal e que esta terza feira foi lembrado na sesión plenaria da RAG. "Neste ano 2022, Córgomo é a capital literaria de Galicia e a capital universal da lingua galega, esa 'Galicia infinda' da que falaba o noso homenaxeado" afirmou o presidente da RAG.

Literatura e compromiso

Por outra parte, o acto contou coas intervencións da secretaria da RAG, Margarita Ledo Andión, e dos académicos numerarios Ramón Villares, Rosario Álvarez e Xesús Alonso Montero, que puxeron de manifesto o "compromiso demócratico e cultural" de Gurriarán na súa contribución á construción do galego estándar e os seus poemas "matrióticos e patrióticos".

Villares enxalzou a "acción política" de Gurriarán durante a Guerra Civil e o exilio. O académico resaltou a biografía "chea de adversidades e algún golpe de sorte", destacando que Florencio é "exemplo de coherencia e compromiso".

Noutra orde, Rosario Álvarez detívose na vontade do homenaxeado de "sumarse á construción colectiva dun galego culto válido para todos os habitantes de Galicia".

Por último, Alonso Montero ofreceu unha análise literaria da obra de Gurriarán, do que destacou a súa faceta matriótica e patriótica.

Freixanes agradeceu a presenza das fillas de Delgado Gurriarán, Celia, Maruxa e Carmiña Delgado, e do seu neto Roberto, que viaxaran desde México e Estados Unidos para a ocasión.

A música estivo presente no evento da man da Real Banda de Gaitas de Ourense, que interpretou a Marcha do Antigo Reino da Galiza, a 'Alborada de Veiga' e a 'Muiñeira de Chantada'. Aliás, a agrupación clausurou a sesión plenaria coa interpretación do Himno da Galiza.

Comentarios