Sabías que este sábado é o día da Buxaina? Brinquedia chama a desfrutar do tradicional xogo polo San Martiño

As actividades da Rede Galega do Xogo Tradicional comezarán esta quinta feira en Lousame.
O torneiro Che Luanha durante o proceso de fabricación dun peón (Foto: Brinquedia).
photo_camera O torneiro Che Luanha durante o proceso de fabricación dun peón (Foto: Brinquedia).

Brinquedia, a Rede Galega do Xogo Tradicional, anunciou a programación para o próximo 11 de novembro da XVII edición do Día do Peón baixo a lema: "Polo San Martiño, peóns ao camiño".

A iniciativa busca normalizar o patrimonio lúdico entre a sociedade e, en particular, as buxainas na rapazada. Como en anteriores edicións, o colectivo convida aos centros educativos, asociacións, Administracións e persoas da pé a que se fagan cun peón -decorado ou non para a ocasión- e o poñan a bailar conxuntamente este sábado nun espazo público.

Para mellorar a promoción desta xornada, a rede convidou á cidadanía a subir fotos ás redes sociais coa etiqueta #DíaDoPeón2023. Ademais. a convocatoria desta anualidade designou Lousame como o concello no que se focalizará a xornada.

En anteriores edicións xa foran designadas as localidades de Compostela, Ferrol, Melide, Carnota, Outes, Noia, Ourense, Manzaneda, Pontevedra ou Brión para albergar as actividades principais desenvoltas por Brinquedia.

O acto central terá lugar dous días antes, o 9 de novembro ás 11 da mañá, en San Roquiño, parroquia do municipio de Lousame, e consistirá no lanzamento colectivo de peóns e bailaretes coa comunidade educativa do CPI Cernadas de Castro, formada por máis de 250 rapazas e rapaces de tres a 16 anos de idade.

Tamén haberá un obradoiro de peóns e un magosto cortesía do centro educativo. Así mesmo, a concelleira de Deportes lousamiá, Mariel Agrafojo, dará lectura ao Manifesto redactado para a ocasión polo persoal municipal. Unha proclama que xa contou coas palabras de personalidades importantes da cultura como María Lado, Suso de Toro, Antón Cortizas, Xabier P. DoCampo ou Daniel Pino, entre outras.

Para próximas edicións, Brinquedia marca como obxectivo que a convocatoria volva traspasar fronteiras como xa acontecera en anos anteriores, cando se uniron á mesma a Ikastola Alkartu de Barakaldo ou o Centro Galego de Bizkaia, entre outros.

Comentarios