A cantautora Sés protagoniza o 'Sermos Galiza' deste sábado

O 'Sermos Galiza' deste sábado (Foto: Nós Diario).
photo_camera O 'Sermos Galiza' deste sábado (Foto: Nós Diario).

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza. Desta volta. A protagonista é Sés. Montse González entrevista a cantautora e trata o seu novo disco, Diante un eco, que se posiciona contra os retrocesos políticos, sociais e culturais e segue avanzando na fusión de estilos que caracteriza a súa traxectoria.

"Ao longo destes anos mudei a miña forma de pensar a respecto de moitas cuestións, obviamente, pero se cadra a máis transcendental foi a cuestión da bondade innata do ser humano”, sinala Sés na conversa que se publica este sábado.

'Ciudad de la selva'

Casaio (Carballeda de Valdeorras) é un dos lugares nos que conflúen guerrilla, forzas franquistas, falanxistas, espías internacionais e aldeáns. A súa Cidade da Selva será o único lugar no que persiste unha fronte física de batalla até o ano 1946. O traballo arqueolóxico e investigador do colectivo Sputnik Labrego leva desde 2017 escribindo a historia deste enclave. Antón Escuredo é o autor desta reportaxe sobre o documental dirixido por Miguel Riaño.

"Hai que ter en conta que para moitas e para moitos foi unha experiencia traumática na súa infancia, mesmo en persoas con dificultades para lembrar algo recente aínda tiñan moi presente o que aconteceu nos anos 40 na súa contorna”, Menciona Riaño na reportaxe.

O chifre galego

A outra reportaxe do Sermos desde sábado trata sobre o chifre galego na música de Miles Davis. 

A reportaxe, a cargo de Mar Álvarez, menciona que "grazas ao traballo de recompilación de Alain Lomax, a melodía saída do chifre ourensán de José María Rodríguez deu a volta ao mundo da man dunha das figuras máis importantes da historia do jazz: o trompetista Miles Davis".

Cine, teatro, literatura

O experto en cinema Andrés Castro analiza o filme Ao descuberto de Maria Schrader.

Tensi Xesteira analiza na sección de libros Chévere. Trinta e cinco anos de axitación cultural , un libro de Xesús Ron  publicado por Kalandraka. Esta obra "é un luxo, pois constitúe un documento de alto valor histórico a través do que nos van contando as diversas persoas, sobre todo Miguel de Lira, Manuel Cortés, Patricia de Lorenzo e Xron", sinala Xesteira.  Manuel Barreiro, pola súa parte, fálanos de O Lume, o último libro de banda deseñada de David Rubín que, segundo Barreiro "é unha obra de madurez, que condensa gráfica e literariamente a bagaxe adquirida por David nos diferentes libros".

No apartado musical, Olga Brañas fálanos do disco Viva a loita amada revolucionaria, da banda Loita Amada, “unha combinación que baila entre unha simbiose inexplorada que sorprende e o reconfortante que resulta o resultado ben empastado”; mentres que Fernando Montenegro lembra a figura de Roxelio Groba, recentemente falecido.

Aliás, o colectivo Xea lévanos a facer un percorrido pola serra do Suído: unha camiñada "frustrada" polos cumes.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios