CONTRACULTURA

Sofía Iglesias e Fernando López, de Xiralúa: “Fixámonos moito no patrimonio galego para levalo coa ilustración a obxectos de uso cotián”

Sofía Iglesias é xunto a Fernando López a fundadora de Xiralúa, unha empresa dedicada ao deseño gráfico con mirada de país. Unha das súas creacións, en homenaxe aos Entroidos da Galiza, ilustrará a capa do especial Sermos Galiza que este sábado acompañará Nós Diario
Xiralúa naceu en 2015 da man de Sofía Iglesias e Fernando Varela. (Foto: Lía Ferreira Jiménez)
photo_camera Xiralúa naceu en 2015 da man de Sofía Iglesias e Fernando López. (Foto: Lía Ferreira Jiménez)

Despois de case dez anos de Xiralúa, que balance fan?

O proxecto comezou naquel momento porque estabamos saíndo do máster e buscabamos traballo. Fomos xuntando as disciplinas que nos gustaban e así foi como xurdiu Xiralúa. Fomos mellorando e todo foi rodando até chegar ao que é o proxecto hoxe en día. Botando a vista atrás e vendo como comezou todo, agora temos toda unha liña de produtos deseñada por nós, a maior parte deles feitos artesanalmente, así como moitos encargos dentro do sector do deseño gráfico. A idea é seguir mellorando, por suposto, mais eu nunca pensara que puidera vivir da creatividade. 

Xiralúa se enfoca no branding, a ilustración e o deseño editorial. Como se compaxina isto coa parte artesanal que tamén ten o proxecto?

Esta é toda a parte que ofrecemos como estudio de deseño gráfico, tanto a empresas como a particulares. Desde carteis até imaxe corporativa, pasando pola maquetación de catálogos e demais. Na parte artesanal, que vendemos tanto na nosa tenda online como en puntos de venda físicos, tamén está presente este compoñente de ilustración. O que facemos é levala a láminas ou ben a tecidos que despois utilizamos para coser mochilas, carteiras e demais. Toda esa parte é artesanal. Tamén temos outros produtos ligados a estas ilustracións, como son as cuncas, nos que xa hai outro tipo de procesos que non son totalmente artesanais. Agora mesmo mercamos material de sublimación e estamos experimentando para ver que tal quedan. 

En que se inspiran para estas ilustracións?

Fixámonos moito no patrimonio galego e o que queríamos era levar todo isto a obxectos de uso cotián. Falamos de tradición e cultura e xusto agora estamos sacando unhas bolsas bordadas con versos de poetas da Galiza. De feito, quero seguir traballando arredor destes produtos bordados para poder lanzar máis cousas. Hai un tempo fixemos toda unha colección enteira dedicada ao Entroido. Teño unha folla onde fun anotando as figuras que a xente mencionaba que faltaban, coa idea de ir recollendo e quen sabe se facer algo máis sobre isto nun futuro. Foi unha colección moi divertida de facer porque descubrimos moitas figuras que non coñeciamos, algunhas delas porque aínda se foran recuperando recentemente. Desfruteino moito porque tiven que buscar fotografías e ler sobre os traxes e tradicións. Temos a Pita de Eiroás, os Follateiros de Lobios, as Bonitas de Sande... Claro, eu coñecía as figuras típicas, como as Pantallas de Xinzo de Limia, e os Xenerais do Ulla porque son da miña zona, mais intentei facelo o mellor que puiden para ter toda esta representación. Tamén, ligado a esta investigación e documentación que nos gusta facer, temos unha colección arredor das cidades galegas. Intentei representar os monumentos máis relevantes. Gustoume moitísimo facer esta colección porque vas aprendendo polo camiño e de áreas moi diversas: patrimonio, tradicións, historia... Tamén inflúe o feito de ter estudado Historia da Arte. 

Cal é a súa nova colección?

A última colección que lanzamos é sobre os oficios das mulleres, na que imos ilustrando a partir de fotografías antigas redeiras, mariscadoras, fiandeiras... Toda esta parte previa de documentación é algo que desfrutamos moito. Dámoslle unha volta á estética, para adaptala ao noso estilo, mais está todo inspirado nas nosas avoas e bisavoas. A maioría son oficios que foron modificándose ou desaparecendo. Sempre miramos o noso. Así xurdiu Xiralúa.

Comentarios