Máis

Sons de Jazz en Moaña

Un cartaz que pon en valor as artistas galegas.
david regueiro 3
photo_camera Actuación de David Regueiro no Jazz de Ría. O trío do guitarrista actuará esta quinta feira en Moaña. (Foto: Jazz de Ría)

Nun evento máis que consolidado, o Festival  de Jazz de Moaña, do que se presentou onte o cartaz, regresa na súa VII edición á comarca do Morrazo para traer a mestura cultural que supón este xénero até as prazas da cidade.

Malia que a programación aínda non comezou, o sábado día 5 de agosto xa se puido ir facendo boca coa actuación musical do grupo Héctor Agulla Cuarteto. Nunha mestura de batería, piano, guitarra e contrabaixo, a praza do Ferreiro foi testemuña dun primeiro adianto que serviu para presentar a programación do festival que se celebra na Arboreda da Xunqueira os próximos días 11 e 12 de agosto.

Organizado pola Asociación de Jazz de Moaña, o Concello de Moaña e Moaña Son de Mar, o festival asenta as bases do compromiso do lugar coa música jazz cun cartaz que pretende pór en valor os artistas da Galiza e demostrar que desde o país se fai tamén jazz de calidade.

Os encargados de abrir o evento serán os membros do quinteto do violonchelista Xacobe Martínez que nesta ocasión vén acompañado da trompeta de Javier Pereiro, o saxo tenor de Xosé Miguélez, a guitarra de Manuel Cebrián e a batería de Max Gómez. Ao remate do concerto a música non deixa de soar porque comeza a jam session de improvisación, aberta a todos os músicos e músicas que queiran participar.

O sábado a xornada inicia desde cedo e vén con ración dobre cunha sesión vermú a cargo do trío do guitarrista David Regueiro, gañador do premio Martín Códax da música Galega 2023 na categoría de jazz e músicas improvisadas. Ás 10 horas o quinteto de Álvaro Vieito fecha a noite para despedirse desta edición do festival.

Comentarios