Si, fixen tamén as biografías ilustradas de María Casares, Ángela Ruíz Robles, Matilde Bares, Filomena Dato, Daría Gónzalez e Xela Arias. Non me criei na Galiza, así que ademais de traballar tamén aprendo sobre estas mulleres. Os meus pais son galegos pero emigraron nos 80 a Suíza e eu nacín alí, cheguei aquí con 22 anos. Así que toda a miña etapa escolar realiceina fóra e as personalidades galegas non as estudei, así que agora traballando con Polo Correo do Vento estou aprendendo sobre elas e aprendendo galego tamén. Sobre como me acheguei a Villalta para representala, o proceso sempre é o mesmo, o traballo de investigación faino Kike Mauricio de Polo Correo do Vento. Infórmase, fala con persoas que coñeceron estas mulleres, e despois elabora o texto e pásamo a min. E a partir de aí eu collo ese texto e transfórmoo en imaxe, nunha imaxe fermosa.
-En que se inspirou para crear as ilustracións desta biografía?
O que fixen foi recoller fotografías dela, tanto de internet como de libros que se usaron para a documentación, e logo coas imaxes que tiña e a miña imaxinación fun creando as ilustracións. Hai imaxes que creo de cero, inspirándome no que di o relato, é dicir, ilustro o que di o texto. E outras veces o que fago é buscar fotografías antigas e debúxoas ao meu estilo, este é un recurso que usamos moito porque ás veces hai pór aí imaxes interesantes da persoa.
-O foco desta biografía ponse en compromisos de Villalta como a loita do Papagaio na Coruña ou o Prestige. Como traslada estas loitas nas imaxes?
Acompañei o texto con imaxes que representaran as súas loitas, collo o personaxe e debuxo a situación. Por exemplo para o caso do Prestige debuxei unha imaxe do barco afundindo e acompañeina dunha ilustración de Luísa Villalta nunha protesta cunha bandeira que puña Nunca máis. Esta creeina de cero porque non había fotografías dela nunha destas protestas, inventeina. Pero para o debuxo do afundimento si que me inspirei nunha imaxe real de Internet porque non podo inventar o barco, ten que parecer o Prestige.
-O libro é só para crianzas?
O libro pode ser para todos os públicos. Ademais, está moi ben porque unha crianza pode lelo e entendelo perfectamente porque se trata dun texto sinxelo e con ilustracións, pero un adulto por exemplo, que non saiba a vida e obra de Luís Villalta, pode lelo e facer un pequeno recorrido interesante pola súa vida e coñecer máis de perto a autora. O libro abrangue as etapas máis importantes desta escritora.
-Ademais deste libro, en que outros proxectos está traballando?
Traballo con Polo Correo do Vento nestes libriños de 'Mulleres Galegas' e logo temos un proxecto que os complementa e consiste en ir facendo contacontos polos colexios. Xa levo moitos anos traballando con eles, vai ben a cousa e levámonos moi ben, así que espero seguir avante nisto. Tamén traballo na prensa local, ilustrando, por exemplo, textos de Rodrigo Cota semanalmente, alí traballamos con turismo e cada semana cambiamos de tema. Agora estamos cunha sección que se chama 'Lugares con encanto'. Ademais traballo pola miña conta, a xente pode facerme encargos de ilustracións.