A Irmandiña xa ten percorrido na Fase Prata do Estatal Sub-16 e Sub-14

Os rapaces das categorías inferiores masculinas xogarán en Andalucía. 
Ambas as Irmandiñas debutarán  o 9 de febreiro. (Foto: RFGF).
photo_camera Ambas as Irmandiñas debutarán o 9 de febreiro. (Foto: RFGF).

As seleccións galegas Sub-14 e Sub-16 masculinas xa teñen horarios e sedes de cara á Fase Prata do inminente Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA), que terá lugar do 9 ao 11 de febreiro en diferentes localizacións da área de Cádiz (Andalucía).

Os membros da Irmandiña xogarán alí logo de non ser quen de certificar a súa clasificación para a Fase Ouro na primeira etapa do Estatal, organizada en Vigo.

Isto significa que os 11 mellores combinados territoriais -entre os que se encontra o da Galiza- que non lograron coarse na rolda estrela do torneo ficaron encadrados en tres grupos, accedendo á Final Four desta Fase Prata, que se desenvolverá en abril, os líderes de cada un deles e o mellor dos segundos.

Con respecto á selección galega Sub-16, os pupilos de David Páez  ficaron encadrados no Grupo 'C' xunto con Asturias, Melilla e Aragón, e debutarán,  precisamente, contra este último equipo ás 9.20 horas do 9 de febreiro no Campo Deportivo da Granxa, en Jerez de la Frontera.

Sobre ese mesmo céspede artificial actuará tamén a Irmandiña Sub-14. Esta colidirá con Asturias, Cantabria e a local Andalucía no Grupo 'C'. Os anfitrións serán, ademais, o seu primeiro rival, abrindo ás 13.30 horas da tarde do 9 de febreiro un percorrido que rematará ás 9.30 da mañá do día 11 ante Cantabria.  

Comentarios