O bádminton é unha disciplina que vén dando moitas alegrías á afección galega nos últimos tempos, e a última mostra disto tivo lugar no Madrid Másters 2024 que vén de baixar o pano na capital do Estado.
Alí, entre os numerosos xogadores e xogadoras de talle mundial -entre as que, a última hora, causou baixa a onubense Carolina Marín, unha das mellores do planeta-, estiveron a navense Lucía Rodríguez e o vigués Jacobo Fernández, quen regresaba ás pistas tras unha tempada lastrada polas lesións no menisco do seu xeonllo.
Este formou un dúo mixto coa local Paula López, comezando a súa participación na rolda previa de clasificación, que lograron superar para obter un boleto e entrar no cadro final.
Colidiron nos dezaseisavos de final coa parella alemá formada por Malik Bourakkadi e Leona Michalski, vencendo por dous sets a un. Non obstante, nos oitavos de final caeron con contundencia (21-9 e 21-15) ante as galas Delphine Delrue e Thom Gicquel.
Jacobo Fernández completou a súa participación no Madrid Masters Open no dobres masculino, onde uniu forzas co granadino Daniel Franco. Lamentabelmente, non conseguiu emular o éxito do dobres mixto, sendo eliminado na fase previa polos neerlandeses Brian Wassink e Ties Van der Lecq por dous sets a cero (21-14, 21-11).
Pola súa parte, Lucía Rodríguez, que, curiosamente, fixo parella coa compañeira de Fernández, Paula López, asinou un resultado aínda mellor que o do seu compatriota, pois foi quen de alcanzar os oitavos de final, onde as irmás búlgaras Gabriela e Stefani Stoeva frearon o seu avance. Do mesmo modo, no dobres mixto Lucía Rodríguez -xunto co andaluz Daniel García- escalou até a mesma rolda de oitavos de final, mais os taiwaneses Chen e Hsu gañaron 2-1.