Tere Abelleira aspira a entrar no Olimpo do fútbol alzando a Copa do Mundo

A de Pontevedra será titular mañá na final do Mundial
As 'Lionesses' de Inglaterra serán o seu último obstáculo no seu ascenso aos altares do deporte rei. (Foto: Europa Press).
photo_camera As 'Lionesses' de Inglaterra serán o seu último obstáculo no seu ascenso aos altares do deporte rei. (Foto: Europa Press).

Mañá domingo, 20 de agosto, ás 12 horas da Galiza e retransmitida a través da Primeira de TVE. Apunte ben, querido lector ou lectora, porque non todos os días unha futbolista galega xoga unha final da Copa do Mundo de fútbol.

De feito, esta é a primeira vez en que se produce, o que dá unha idea da magnitude da fazaña lograda pola pontevedresa  Tere Abelleira aos seus 23 anos, quen colisionará -xunto co resto das súas compañeiras do combinado estatal- contra as Lionesses de Inglaterra.

Abelleira chega ao partido máis importante da súa vida nun momento de máxima madurez futbolística e coa intención de culminar do mellor modo posíbel unha traxectoria que comezou nos campus que cada verán organizaba até a que este ano era recoñecida unanimemente como a mellor xogadora galega de todos os tempos, Vero Boquete.

Convertida no seu ídolo indisimulado, logrou compartir céspede con ela no esporádico regreso da selección galega en 2016, mesmo ano no que deixou atrás a súa Pontevedra natal -onde militou nas filas do AJ Lérez e do Poio Péscamar de fútbol sala- para asinar polo recentemente creado Real Club Deportivo feminino, que tiña como único obxectivo lograr o ascenso á máxima categoría estatal. 

Nas súas catro tempadas na cidade herculina non se cansou de esnaquizar barreira tras barreira. Así, tras dous intentos fallidos (2016/17 e 2017/18), finalmente logrou o ascenso na 2018/19, unha campaña de auténtico récord na que concluíron a fase regular en primeira posición despois de obter 25 triunfos en 26 partidos, cedendo tan só un empate.

Entre medias, a centrocampista rebentou outro teito de cristal ao converterse na primeira muller en posuír unha licencia profesional na Galiza, complementando o seu palmarés co subcampionato de Europa Sub-17 e o título continental Sub-19.

As súas marabillosas actuacións xa na elite, pois era peza chave no medio do campo dese Dépor convertido en equipo revelación dunha tempada 2019/20 que interrompeu a pandemia cando eran cuartas, fixo inevitábel o seu salto a un dos grandes do fútbol estatal.

O seu destino foi outro equipo acabado de nacer: o Real Madrid. Na casa branca entrou con bo pé, e apenas tres meses despois da súa incorporación recibía a nova da súa primeira chamada coa Estatal absoluta. 

Mais non todo foi un camiño de rosas. A competencia dun Madrid en expansión e inzado de estrelas internacionais puxo coto aos seus minutos, participando en tan só 1.337 na última Liga, o que fixo dela a décimo quinta en participación no seu club, a pesar do cal non deixou de contar coa confianza do seleccionador.

Jorge Vilda, que xa sorprendera apostando por ela como titular nos cuartos de final da Eurocopa de 2022 precisamente ante Inglaterra, tivo Tere Abelleira entre as súas futbolistas de confianza logo da polémica baixa das coñecidas como 'as 15', que trouxo como consecuencia a ausencia de varios antigos pesos pesados da selección como Patri Guijarro.

Sen a anterior propietaria do mediocentro, a galega deu un paso adiante e deixou atrás o seu rol de interior para reconverterse á posición de pivote, onde sorprendeu polo seu rendemento até erixirse, estatisticamente, na mellor e máis fiábel xogadora do torneo. A cuestión é: será Tere quen de facer realidade o seu soño de infancia? A reposta, mañá a partir das 12.

Comentarios