Unha empresa de Murcia planea o maior parque solar da Galiza

A instalación podería superar as 170 hectáreas de extensión.
Paneis solares. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Paneis solares. (Foto: Nós Diario)

Amber Solar Power é a sociedade instrumental coa que a multinacional Soltec Power Holdings, con sede social en Murcia, impulsa un parque solar na Gudiña, comarca de Viana.

A firma prevé construír unha planta solar de 55,7 megawatts —66 megawatts de potencia pico—. O proxecto, denominado A Gudiña Solar, foi presentado a finais da semana pasada perante o Ministerio para a Transición Ecolóxica.

A instalación podería superar as 170 hectáreas de extensión e supón un investimento de ao redor dos 36 millóns de euros. A súa capacidade pode cubrir o consumo eléctrico de 14.000 fogares, cunha potencia que rolda os 55,7 megawatts, a través dunha liña de evacuación que pasará polos concellos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, ambos os dous tamén na comarca de Viana, até a subestación das Portas. Sería o parque solar máis grande da Galiza.

Perto da Gudiña, no Concello de Vilardevós, comarca de Verín, funciona xa un parque solar, que representa a maior instalación fotovoltaica que hai na Galiza, con 6.700 paneis, e que pode xerar 5.000 megawatts hora.

Hai en proxecto a construción doutra planta de enerxía solar, en Vilalba, na Terra Chá, a sumar ás xa existentes no conxunto do país.

Comentarios