A "posíbel sabotaxe" dun gasoduto en Finlandia encarece 30% o custo do gas

A situación en Oriente Medio tensa o mercado do combustíbel.
Fuga de gas no mar Báltico por mor das explosións rexistradas no 'Nord Stream' (Foto: Forzas Armadas de Dinamarca).
photo_camera Fuga de gas no mar Báltico por mor das explosións rexistradas no 'Nord Stream' (Foto: Forzas Armadas de Dinamarca).

O prezo dos futuros (operacións de compravenda que se realizan antes da súa materialización) do gas reaccionou con subas superiores a 10% despois de que transcendese unha fuga de subministración detectada nun gasoduto que conecta Finlandia con Estonia, así como pola situación en Israel despois da interrupción das operacións nun importante xacemento operado por Chevron, o que podería limitar as subministracións na zona do Mediterráneo oriental.

Así, o custo dos contratos de futuros de gas no continente europeo (TTF holandés) para entrega en novembro, subía máis de 10%, por riba dos 48 euros por megawatt, o que implica unha alza de case 30% desde o fechamento da pasada semana.

A repunta do prezo dos futuros do gas produciuse despois de que as autoridades de Finlandia expresaran as súas sospeitas de que a fuga de subministración detectada nun gasoduto que conecta con Estonia puido non deberse a un accidente. Ademais, xa se puxeron en contacto con socios da Unión Europea (UE), así como coa OTAN, para expor o posíbel alcance "do que parece polo momento unha sabotaxe".

O domingo, as empresas operadoras alertaron dunha baixada imprevista da presión nesta tubaxe submarina, o Balticconnector, o que derivou en investigacións para determinar a orixe e esclarecer se puido deberse a algún tipo de acción intencionada, como foi no seu día a sabotaxe dos gasodutos Nord Stream.

O primeiro ministro finlandés, Petteri Orpo, recoñeceu ante os medios que a fuga non puido deberse a unha circunstancia derivada do uso normal do gasoduto. Así mesmo, o político alertou dun posíbel fallo nun cable de datos, neste caso na zona baixo control de Estonia.

Comentarios