O Tesouro elevará a débeda pública a 55.000 millóns

As emisións brutas achegaranse aos 257.000 millóns de euros
O ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Tesouro Público español, organismo dependente do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa, deu orde a seis bancos de colocar unha nova emisión sindicada a 10 anos con vencemento o 30 de abril de 2034. 

En concreto, o Tesouro outorgou o mandato a Barclays, BBVA, Credit Agricole CIB, Deutsche Bank, J.P. Morgan e Santander para colocar esta primeira emisión sindicada do ano 2024, segundo a información recollida por Bloomberg. A operación lanzarase proximamente en función das condicións do mercado. 

Na presentación da estratexia de financiamento do Tesouro de 2024, o ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, avanzou que en total prevense unhas necesidades de financiamento novo de arredor dos 55.000 millóns de euros para este exercicio, o que supón unha redución de 10.000 millóns con respecto ás de 2023. Dentro desta estratexia, o Tesouro ten previsto recorrer novamente ás sindicacións para a emisión de determinadas referencias de Obrigas do Estado español. 

Pola súa parte, a emisión bruta prevista ascenderá a 257.572 millóns de euros, un 2% superior á de 2023 debido ao incremento das amortizacións, e o groso cubrirase mediante a emisión de instrumentos a medio e longo prazo co obxectivo de manter a vida media da carteira de débeda pública. 

Outros dos obxectivos para 2024 será manter a diversificación da base investidora e apostar pola emisión de bonos verdes como elemento estrutural do programa de financiamento, reforzando desta maneira o mercado de finanzas sostíbeis do Estado, segundo comunicou onte Cuerpo.

O Executivo español prevé reducir a débeda pública até o 106,3% a finais de 2024, fronte ao 108,1% que estima para o feche de 2023, dato que Banco de España aínda non publicou. 

Comentarios