O TSXG avala o despedimento dun directivo de Pescanova por gastos excesivos en comida e desprazamentos

Pasou tiques por 8.000 euros en comida e combustíbel para realizar 31.000 km cando vivía a 4 km do centro de traballo

Pescanova
photo_camera Pescanova

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) avalou o despedimento dun directivo de Pescanova que foi cesado do seu cargo por pasar gastos en comida e desprazamentos á conta da empresa dun importe elevado, a maioría deles sen xustificación.

Nunha resolución , a sala do social do Alto Tribunal galego denega o recurso presentado polo ex directivo de Pescanova, que chegou a cargar á compañía máis de 8.000 euros en almorzos, comidas e ceas, das cales, 62% realizáronse nun restaurante situado nas inmediacións da súa casa.

Os gastos que a empresa considerou inxustificados e polos que lle abriu un expediente que derivou no seu despedimento tamén incluían importes por combustíbel equivalentes á cobertura de 31.000 quilómetros, como revelou unha auditoría encargada cando Pescanova decidiu aplicar un plan para reducir os custos de dietas entre o seu persoal.

Este documento, recollido na sentenza que agora ratifica o TSXG pero que aínda non é firme ao poder ser recorrida en casación, recolle que entre maio de 2021 e xaneiro de 2022 este directivó pasou tiques por valor de 8.074 euros co concepto de "Comidas".

O directivo despedido convidaba a comensais, entre os que había clientes e compañeiros, cun gasto medio por persona de entre 35 e 40 euros e, ademais, afacía abonar á empresa as comidas que gozaba nun restaurante situado enfronte da súa residencia.

En canto aos desprazamentos, durante o oito meses cuxos gastos foron auditados, o custo do combustíbel que empregou baixo os conceptos da súa actividade equivalería á cobertura de 31.000 quilómetros.

"Resulta relevante a estes efectos destacar que o seu domicilio se atopa a escasos catro quilómetros do seu centro de traballo e que a natureza do seu traballo non esixe de maneira habitual desprazamentos de longa distancia que poidan justificar esa estimación total de quilómetros percorridos", recolle a resolución xudicial.

Comentarios