Rusia abrirá doce bases militares ante a solicitude de adhesión á OTAN de Finlandia e Suecia

Moscova corta o subministro de gas a Finlandia pola negativa a pagar en rublos. Aliás, o batallón Azov anuncia a súa rendición en Mariúpol e di que abandonará a cidade.
Tanque ruso en Mariúpol, cidade que o batallón Azov renunciou esta sexta feira a seguir defendendo. (Foto: Maximilian Clarke / SOPA Images / DPA)
photo_camera Tanque ruso en Mariúpol, cidade que o batallón Azov renunciou esta sexta feira a seguir defendendo. (Foto: Maximilian Clarke / SOPA Images / DPA)

O ministro de Defensa de Rusia, Sergei Shoigu, avanzou esta sexta feira a apertura dunha ducia de bases militares no oeste do país por mor do "aumento da tensión" após coñecer a intención de Finlandia e Suecia de se integrar na OTAN.

Neste senso, apuntou que estas doce "unidades" e "subunidades" serán creadas "antes do remate de 2022", e precisou que recibirán "máis de 2.000 armas modernas e equipamento militar", segundo recolleu a axencia rusa Interfax.

Rusia, dixo Shoigu, está a levar a cabo "as contramedidas axeitadas", e asegurou que nos últimos oito anos "multiplicouse por 15" a presenza de bombarderos estadounidenses "sobrevoando Europa".

"A principal característica das manobras é o traslado dunha división completa desde os Estados Unidos ao continente europeo, así como o despregamento dun grupo de tropas en tres direccións estratéxicas: Ártico, Oeste e Suroeste", manifestou.

Corte do gas a Finlandia

Por outra parte, a empresa rusa Gazprom vén de notificar que cortará este sábado o subministro de gas cara a Finlandia, ante a negativa deste país a pagar en rublos.

Arredor de 90% do gas finlandés procede de Rusia; porén, Helsinki matiza que o gas só representa 5% do consumo enerxético total do país.

O batallón Azov abandona Mariúpol

O rexemento Azov, a organización paramilitar de extrema dereita que combate en apoio ás Forzas Armadas de Ucraína, renunciou esta sexta feira a continuar na defensa de Mariúpol.

Deste modo, anunciou a rendición das tropas que aínda quedaban na acería de Azovstal. A este respecto, o ministro ruso afirmou que o seu Exército "rescatou" 177 civís e "capturou 1.908 nacionalistas que depuxeron as armas".

Comentarios