O 40% das entidades do sector público galego agocha ao Consello de Contas os seus contratos

Un total de 36 entidades e organismos dependentes da Xunta da Galiza non presentaron ao Consello de Contas información sobre os contratos formalizados nos exercicios de 2021 e 2022. A decisión destes entes do sector público galego impide ao organismo fiscalizador desenvolver o seu labor de control das contas.

EuropaPress_5511856_fotos_xunta_presidente_toma_posesion_do_novo_conselleiro_do_consello_contas
photo_camera O presidente do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro, con Alfonso Rueda, a quen lle une una grande amizade. (Foto: Europa Press).

O Consello de Contas da Galiza aprobou no seu pleno do pasado 14 de marzo o Informe de fiscalización do sistema de rendición da información contractual do sector público autonómico. O documento alerta sobre a negativa de 40,4% dos entes dependentes da Xunta da Galiza de someterse ao proceso de rendición de contas definida pola lexislación galega. Neste sentido, o organismo fiscalizador advirte das dificultades para desenvolver o seu labor se as entidades do sector público galego non lle facilitan a documentación precisa para levar adiante a súa actividade.

O relatorio sinala que “en conxunto, están obrigadas a remitir información dos contratos ao Consello de Contas un total de 89 entidades, das que tan só 53 cumpriron correctamente coa obriga de comunicación. As restantes 36 non remitiron información contractual ou a información remitida é incompleta. Así, entre os organismos públicos que non cumpriron co Consello de Contas atópanse, entre outros, Xesgalicia, Sociedade Xestora de Entidades de Capital Risco, Xenética Fontao, Sodiga Galiza, o Parlamento da Galiza ou o Valedoría do Pobo.

Consellaría de Facenda

O ente fiscalizador apunta á responsabilidade da Consellaría de Facenda nesta situación. A este respecto, insta o departamento dirixido en funcións por Miguel Corgos, como responsábel de coordinación en materia de contratación das entidades do sector público, “para que inscriban os contratos que realicen no Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico da Galiza” e promova “todos os procedementos de carácter técnico e normativo para simplificar o acceso universal e sen identificación previa á información contractual dispoñíbel”.

O último relatorio do Consello de Contas incide nos reparos recollidos no Informe de fiscalización dos criterios de adxudicación e contratación menor das entidades instrumentais da comunidade autónoma galega, divulgado o pasado mes de xaneiro. No mesmo sinalase, que 23% das entidades dependentes da Xunta fiscalizadas fan unha "utilización irregular de contratos menores como contratos-ponte para garantir a continuidade dun servizo mentres non se resolvía a licitación a través doutro procedemento". Neste sentido, desvela que houbo un "incumprimento de límites en 14 contratos", os cales sumaban arredor de 455.000 euros.

Os contratos menores

O informe publicado por Contas en xaneiro destaca que 46% dos contratos menores formalizados polos organismos do sector público galego eran “susceptíbeis de anulación por seren contrarios á legalidade ou á doutrina dos órganos de recursos contractuais”. Indica que, “con carácter xeral, os contratos revisados adxudicáronse directamente sen efectuar unha mínima comparación de prezos e ofertas”, o que constitúe “un factor de risco para favorecer a unha determinada empresa”.

Comentarios