Rueda reduce a "unha opinión" a alerta de Contas tras detectar contratos irregulares en entes da Xunta

"Veremos o que di o informe e faremos as alegacións correspondentes, como tantas veces. E se logo hai algo que corrixir, non hai ningún problema", defendeu.
Alfonso Rueda esta quinta feira (foto: Arxina).
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha rolda de prensa. (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, reduciu esta quinta feira a "unha opinión" -moi respectábel, pero unha opinión"- o pronunciamento do Consello de Contas alertando de que detectou usos irregulares de contratos tanto en procedementos abertos como de tipo menor en diferentes entes dependentes do Goberno galego, segundo recolle un informe de fiscalización publicado esta cuarta feira.

Rueda aludiu á posibilidade de formular alegacións e esgrimiu que a Xunta ten os seus propios técnicos para analizar este tipo de cuestións. "Veremos o que di o informe e faremos as alegacións correspondentes, como tantas veces. E se logo hai algo que corrixir, non hai ningún problema", defendeu.

En todo caso, concluíu que "as cousas hai que tentalas facelas ben sempre" e que Contas "tamén está para que, se se producen fallos, advertir deles e pedir ás administracións que os corrixan".

O informe de Contas precisa que en até 23% das entidades dependentes da Xunta -unha de cada catro- detectou a "utilización irregular de contratos menores como contratos-ponte para garantir a continuidade dun servizo mentres non se resolvía a licitación a través doutro procedemento".

En detalle, identifica dúas entidades que prolongaron no tempo a situación de transitoriedade encadeando sucesivos contratos menores, o que deu lugar a un acumulado de 3,5 millóns e máis de 129.000 euros en cada caso.

Comentarios