O Concello de Santiago aproba os orzamentos para 2024 cos votos de BNG, CA e PSOE e o 'non' do PP

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, salienta que as contas non inclúen incrementos de impostos municipais, o que, unido ao contexto inflacionista e a que os orzamentos en vigor estaba prorrogados, fixo "difícil" a súa elaboración.
Pleno municipal desta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pleno municipal desta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

Os votos das forzas que comparten o Goberno de Santiago, BNG e Compostela Aberta, sumados aos dos edís do grupo socialista permitiron a aprobación dos orzamentos para 2024 do Concello da capital galega, que ascenden a un total de 147 millóns de euros, a cifra máis alta da súa historia. O acordo alcanzado a finais de decembro entre BNG, CA e PSOE plasmouse esta cuarta feira no pleno extraordinario decorrido no Pazo de Raxoi, onde o PP mantivo o seu 'non' entre críticas ao que cualificou de goberno "tripartito".

En total, como explicou ao comezo do pleno o concejaal de Economía e Facenda, Manuel César, as contas aprobadas para este ano alcanzan os 142,4 millóns de euros, un 9,7% máis que nos orzamentos vixentes, aprobados para o exercicio de 2022 e que foron prorrogados polo anterior goberno. A esta cifra súmanse as partidas que se destinan ao Auditorio da Galiza e ás empresas municipais Tussa e Incolsa, que deixan un orzamento consolidado de 145,7 millóns de euros e un superávit de 47.000 euros.

Ao termo do debate e antes de dar paso ás votacións, a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, tomou a palabra para reivindicar que as contas non inclúen incrementos de impostos municipais, o que, unido ao contexto inflacionista e a que os orzamentos en vigor eran prorrogados, fixo "difícil" a súa elaboración. Por iso, incidiu en que suporá "un esforzo importante" a súa xestión para, co obxectivo de "seguir funcionando ao máximo nivel", lograr o "desenvolvemento" destas contas, que pon "as persoas no centro" a través do impulso de políticas de vivenda, sociais e unha aposta polos servizos demandados "polos veciños e veciñas".

Despois de incidir en que é preciso avanzar na "colaboración con outras administracións" para dar resposta a reclamacións como o aumento das atribucións pola súa condición de capital da Galiza, a rexedora nacionalista agradeceu "o apoio e traballo feito conxuntamente", primeiro, no seo do goberno local que BNG comparte con CA e, a continuación, en colaboración cos socailistas.

"Este proxecto de orzamentos foi enriquecido pola pluralidade política desta corporación", sentenciou Sanmartín, que realzou a "responsabilidade" do PSOE para permitir a aprobación das contas, xa que o Goberno local está en minoría na corporación santiaguesa. Nesta liña, a alcaldesa mostrou a súa confianza en que "o entendemento" entre as forzas que sacaron adiante os orzamentos "siga a producirse" e poida mesmo "ampliarse" para "poder remar todos na mesma dirección en beneficio dos veciños".

O PSOE desliza críticas ao Goberno

Antes, o portavoz socialista en Santiago, Gonzalo Muíños, contrapuxera a actitude que, di, mantivo o seu partido nesta ocasión coa que tiveron durante o último mandato as forzas que na actualidade conforman o goberno compostelán. Despois de, segundo Muíños, "catro anos de obstrucionismo" ao goberno de Xosé Sánchez Bugallo por parte de BNG e CA, o PSOE quixo actuar de forma "responsábel" para permitir que as contas saísen adiante.

"Se alguén pensaba que este grupo ía paralizar o concello durante catro anos estaba equivocado", apostilou. Con todo, advertiu que estarán "vixiantes" para que se execute o orzamento e así "Santiago non perda estes catro anos", xa que, para Muíños, existen "dúbidas" de que o Goberno compostelán "sexa capaz de xestionar con dilixencia".

O PP di que Santiago "non funciona"

Pola súa parte, o Partido Popular, a través da súa concelleira Rosario Ferreiro, censurou o "modelo" do "Goberno tripartito" que se plasma nuns orzamentos que non ven "ambiciosos", con "proxectos decepcionantes ou continuistas". "Santiago non funciona", aseverou, antes de apuntar que "o verdadeiro debate non é o da aprobación dos orzamentos, senón o da súa execución".

"O documento que nos presentan non é máis que unha declaración de intencións que despois se ve suxeita a múltiples modificacións e a incumprimentos", engadiu, antes de subliñar que os populares estarán "alerta" para demandar "unha rendición detallada das contas que finalmente se aproben".

Compostela Aberta agradece a "colaboración"

Por último, a tenente de alcaldesa e portavoz de Compostela Aberta, María Rozas, tamén agradeceu ao PSOE a colaboración para sacar adiante os orzamentos e manifestou que non lle sorprenden as críticas do PP, "porque empezaron mesmo antes de coñecer nin unha soa liña dos orzamentos", do mesmo modo que "empezaron as críticas ao Goberno desde antes da toma de posesión".

"Estes orzamentos inclúen as obras que demandan os veciños, cumpren os compromisos co rural, e afrontan grandes retos como a mobilidade ou á vivenda. Sabemos que as contas non son o final, senón o comezo de moito traballo", concluíu.

Comentarios