O delegado do Goberno estatal recrimina á Xunta que analizar os contratos da pandemia "non fai mal a ninguén"

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, insistiu en que o Executivo da Galiza remitiu en decembro de 2020 toda a información detallada ao Consello de Contas.
O delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco (Foto: M Dylan).
photo_camera O delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco (Foto: M Dylan).

O delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, afirmou esta terza feira que "non fai mal a ninguén" facer unha análise en profundidade dos contratos de emerxencia adxudicados pola Xunta da Galiza en pandemia "en aras do principio de transparencia", ao igual que “está a ocorrer noutras autonomías e no Estado español".

Así o dixo, preguntado acerca da petición do BNG á Xunta de que se fiscalicen estes contratos de material sanitario a raíz do ocorrido a nivel estatal co Caso Koldo, algo ao que se opón o Goberno galego alegando que xa foron analizados polo Consello de Contas. Sobre esta cuestión, Branco considerou que "non lle faría mal que se deixasen investigar".

Nunha rolda de prensa ofrecida esta mesma segunda feira na Cámara galega, o deputado do BNG Luís Bará denunciou que a "opacidade" é a "norma de actuación" da Xunta neste asunto e afirmou que "non existe na web ningunha posibilidade de acceder aos contratos de emerxencia realizados nos anos 2020 e 2021", nos que hai, dixo, "numerosas sombras".

Precisamente a raíz do 'caso Koldo' volveu á palestra un feito desvelado en exclusiva por Nós Diario: a compra de material sanitario por parte da Xunta a unha empresa vinculada coa familia de Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, no inicio da pandemia da Covid-19.

En abril de 2020, a Xunta adquiriu por valor de 298.265 euros monitores de parámetros fisiolóxicos a Prhoinsa, cuxo administrador único era Juan Carlos Herrero, cofundador de Sismédica S.L., empresa que administra o irmán de Ayuso e da que a presidenta de Madrid posúe o 50%.

A Xunta négase a investigar

A pesar das dúbidas que existen sobre a contratación realizada pola Xunta, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, insistiu en que o Executivo da Galiza remitiu en decembro de 2020 toda a información detallada ao Consello de Contas. "Non se pode ser máis transparente nesa información", defendeu.

Neste sentido, reiterou que "toda a información" solicitada polo Consello de Contas, dos servizos centrais e das áreas sanitarias, "foi remitida". "O informe [do Consello de Constas] está aí, ao dispor do BNG desde hai moito tempo, e ao dispor da cidadanía", sentenciou, remitindo á forza nacionalista ao informe de Contas, mais negando implicitamente a posibilidade de analizar os contratos de forma directa.

Comentarios