Gonzalo Caballero postúlase como rival de Besteiro nas primarias do PSdeG

O ex secretario xeral socialista ten a intención de presentarse de novo a unhas primarias nas que non estará o actual dirixente, Valentín González Formoso, que afirmou que será "neutral" no proceso.
O ex secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero (no centro), xunto ás deputadas socialistas Noelia Otero, Pablo Arangüena e Marina Ortega, esta terza feira, nos corredores do Parlamento. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero (no centro), xunto ás deputadas socialistas Noelia Otero, Pablo Arangüena e Marina Ortega, esta terza feira, nos corredores do Parlamento. (Foto: Europa Press)

O que fora secretario xeral do PSdeG entre 2017 e 2021 e actual deputado no Parlamento da Galiza, Gonzalo Caballero, ratificou esta terza feira o que xa era un segredo a voces, que ten a intención de competir co político lugués José Ramón Gómez Besteiro nas primarias nas que os socialistas galegos elixirán o seu candidato á Presidencia da Xunta da Galiza, convocadas para o domingo 29 de outubro.

Así o confirmou Caballero en declaracións aos medios nos corredores da Cámara galega, dando así un primeiro e importante paso no proceso interno do PSdeG, que contempla de prazo até esta mesma cuarta feira, 11 de outubro, para presentar as candidaturas. A partir de aí os aspirantes terán de prazo para a presentación de avais até o día 18, xornada na que se proclamarán de forma provisional os candidatos. De ratificárense as candidaturas, a campaña interna terá lugar do día 19 ao 28 de outubro.

"Firme defensor das Primarias"

Na súa intervención, Caballero erixiuse en "firme defensor" das primarias ao considerar que "son unha oportunidade" para que as bases do partido orienten "o presente e o futuro" da organización. "Son unha oportunidade para impulsar a nosa organización, para gañar o futuro, para conseguir ter máis forza", sinalou.

Con todo, na xornada desta segunda feira, coñeceuse que o PSOE decidira reactivar o proceso das primarias e o que fora delegado do Goberno na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, aproveitou a súa visita ao Parlamento da Galiza, no que ten lugar o Debate do Estado da Nación, para anunciar que se presentaría.

Ademais, o actual xefe de filas da formación, Valentín González Formoso, que compareceu ante os medios acompañado polo propio Besteiro, ratificou que el non participará nas primarias.

Un día despois, Gonzalo Caballero rexeitou mostrarse crítico co proceso ao asegurar que "unha comisión organizadora" traballará con "neutralidade" e con "imparcialidade" de acordo ás normas do partido para conseguir unhas "primarias limpas, abertas e participativas". "Espero e confío que esa sexa a realidade deste proceso", apuntou para soster tamén que "cada un ten que ser consciente dos seus actos".

O calendario

O calendario das primarias socialistas contempla unha primeira xornada de votación o domingo día 29, que se repetiría o día 5 de novembro no caso de que for preciso. Polo de agora só Besteiro e Caballero confirmaron a súa intención de participar nunhas primarias nas que non estará o actual dirixente socialista na Galiza, Valentín González Formoso, que asegurou que será "neutral" no proceso.

Comentarios