18-F

“A vosa sorte é a nosa”: 'Kichi', ex alcalde de Cádiz, abeira Ana Pontón

O soberanismo andaluz pide o voto para o BNG

José María González 'Kichi' (Foto: Nacho Frade / Europa Press)
photo_camera José María González 'Kichi' (Foto: Nacho Frade / Europa Press)

“Como fillo orgulloso da diáspora galega en Cádiz, mándolle todo o meu apoio a Ana Pontón e ao BNG. A vosa sorte é a nosa”. Con esta breve mensaxe no seu perfil da rede social ‘X’, José María González ‘Kichi’, que fora alcalde de Cádiz, primeiro por Por Cádiz en 2015 e por Adelante Andalucía en 2019, mostrou o seu apoio á candidatura do BNG para as eleccións galegas do 18-F.

Adelante Andalucía, coalición electoral formada inicialmente polos Partidos Podemos Andalucía, Izquierda Unida Los Verdes-Convocatoria por Andalucía e os partidos andalucistas Izquierda Andalucista e Primavera Andaluza, emitiu tamén un contundente comunicado no que chaman a concentrar “todo o apoio da esquerda transformadora e o soberanismo popular en Ana Pontón”, que confían, din, “será a próxima presidente da Xunta da Galiza”.

“Desde o soberanismo andaluz entendemos que a Galiza constitúe un exemplo para as nacións oprimidas do Estado español que sofren o centralismo e o extractivismo”, afirma o comunicado de Adelante Andalucía, ao que engaden que “unha vitoria do BNG” podería supor “un xiro soberanista, que poña o pobo traballador galego no centro da súa propia política, que protexa os seus recursos, a súa sanidade e educación públicas, que defenda a lingua, a cultura e poña a economía ao servizo da vida, e non do mercado”.

Un “xiro soberanista” que confían que aconteza para que “o BNG poida liderar a Galiza”, acompañado dun “xiro feminista”.

Adolfo Pérez Esquivel

Non foi a única mostra de apoio pública que recibiu a candidatura de Pontón á Presidencia da Xunta da Galiza. Ignacio Ramonet publicou nesta mesma cuarta feira nas súas redes sociais un chío no que informaba do apoio que o seu amigo, o premio Nobel Adolfo Pérez Esquivel, quer trasladar ao BNG de cara ás eleccións galegas do vindeiro 18 de febreiro.

“Fálalles Adolfo Pérez Esquivel, premio Nobel da Paz. Arxentino de nacemento e galego de orixe. O meu pai foi pescador en Combarro. Hai que apoiar a candidatura de Ana Pontón como candidata a presidenta á Xunta de Galiza polo BNG. Defende os intereses de Galiza”, puña o chío, acompañado dunha foto de ambos os dous.

Comentarios