Pontón denuncia a "discriminación" de Lugo en materia ferroviaria

Para Lugo, dixo a portavoz nacionalista, "perder o tren significa perder oportunidades no económico e no social".
Efrén Castro, Rubén Arroxo, Ana Pontón, Olalla Rodil e Montse Valcárcel, esta quinta feira, en Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Efrén Castro, Rubén Arroxo, Ana Pontón, Olalla Rodil e Montse Valcárcel, esta quinta feira, en Lugo. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, exixiu esta quinta feira en Lugo a "modernización" das infraestruturas ferroviarias para pór fin a unha "discriminación histórica evidente" que trata a veciñanza de Lugo como "unha cidadanía de segunda". 

Así se expresou Pontón ao remate dunha xuntanza mantida con representantes económicos, sociais e sindicais da cidade nas instalacións do Hotel Méndez Núñez da cidade amurallada, na que estivo acompañada polo tenente de alcalde, Rubén Arroxo, as deputadas Olalla Rodil e Montserrat Valcárcel, e o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, entre outros integrantes da formación.

Pontón, que subliñou que para Lugo "perder o tren significa perder oportunidades no económico e no social", anunciou o inicio dunha "ofensiva social e institucional" por parte do BNG no Parlamento galego, no Congreso dos Deputados, o Senado e as institucións europeas para modernizar as infraestruturas ferroviarias. 

Nesta liña, a portavoz nacional do BNG adiantou as principais demandas da formación estarán centradas en exixir a "modernización e electrificación" da vía Lugo-A Coruña para "recortar os tempos de viaxe"; e a realización do estudo de viabilidade, recollido no acordo para a investidura de Pedro Sánchez, para estabelecer unha conexión directa entre Lugo e Compostela. 

"Lugo é a única cidade galega que non ten unha conexión directa coa capital da Galiza. E non estamos a falar, ademais, de ningunha proeza ferroviaria. Estamos a falar de que cunha obra de 27 quilómetros de vía poderíase conectar", afirmou. 

Recuperar horarios

Tamén chamou a atención Ana Pontón na súa comparecencia ante os medios sobre a "urxencia" de "recuperar todos os horarios suprimidos con motivo da pandemia" en materia ferroviaria, de "ampliar os servizos, horarios e frecuencias" dos mesmos, así como de completar, xa en materia viaria, as autovías Lugo-Compostela e Lugo-Monforte (Terra de Lemos) na presente lexislatura. 

Comentarios