Rego solicita no Congreso unha Comisión de Investigación sobre o viaduto da A-6

O deputado do BNG, Néstor Rego, compareceu en conferencia de imprensa na sexta feira para dar conta da presentación da solicitude dunha Comisión de Investigación parlamentaria sobre a actuación do Ministerio en relación co colapso do viaduto da A-6, após se facer público que as empresas ás que encargou o informe sobre as causas do derrubamento traballan habitualmente coas empresas construtora.

Néstor Rego, durante a rolda de prensa (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego, durante a rolda de prensa (Imaxe: Nós Diario)

Nós Diario daba a coñecer o pasado mes que o informe sobre a caída do viaduto da autovía A-6 foi encargado polo Goberno estatal a dúas empresas que traballan habitualmente cos xigantes da obra pública que construíron o viario. Un extremo que para Rego é "escandaloso" e "pon en cuestión a credibilidade do citado informe", que, baixo o seu punto de vista, "xa era ambiguo e pouco concreto e parece confirmar a pretensión do Goberno español de protexer FCC e ACS de posíbeis responsabilidades".

Nesta liña, sinalou que xa solicitaron que a ministra Raquel Sánchez Jiménez compareza para dar explicacións e que solicitarán unha comisión de investigación parlamentar para "depurar as responsabilidades políticas". Así, pedirán que se encargue un novo estudo "a empresas independentes, sen condicionantes nin presións".

Defectos na construción

O deputado nacionalista volveu lembrar que os informes realizados polas dúas consultoras contratadas polo Ministerio de Transportes sinalan que a estrutura presentaba unha deterioración "que non se corresponde coa súa antigüidade".

Ademais, fixo fincapé en que "xa se sabía onde ía estar situado e que é unha zona de clima de montaña", algo que, segundo os informes, influíu no estado da infraestrutura ao presentar fallos de impermeabilidade.

Rego indicou que no informe fálase de "un formigón canso" e que é evidente, entre outras cousas, "o aforro de materiais, que se ve, por exemplo, nas baixas proporcións de cemento no formigón".

Relacións das construtoras co PP

Por outra parte, o deputado do BNG lembrou que as empresas FCC e ACS "xa se viron involucradas en casos de corrupción". En concreto, o antigo xerente do Partido Popular da Galiza, Modesto Fernández, "sinálaas como doadoras do PP e na contabilidade deste entregada por Luís Bárcenas ao xuíz da Audiencia Nacional, Pablo Ruz, ACS aparece financiando o PP con 60.100 euros e FCC con 108.000 euros".

Máis recentemente, incidiu, "Competencia sancionou varias empresas", entre as que se atopaba FCC, por "amañar licitacións de obra pública durante 25 anos".

As autoras do informe traballaron con FCC e ACS

Aliás, puxo de manifesto que "a relación de MC2 (do grupo Typsa) e Ideam con FCC e ACS é pública e notoria. MC2 participou con FCC en obras como a ponte sobre o Miño en Lugo, inaugurada en 2011, até a construción do Estadio Metropolitano de Madrid, o metro de Riad (unha obra de máis de 16.000 millóns de euros) ou a ampliación do Santiago Bernabeu. Con ACS, na Ponte de Rande".

Pola súa parte Ideam, di Rego, sinala na súa web como clientes tanto a FCC como ACS e participou en obras como os viadutos sobre os ríos Navia e Nervión.

Ante todas estas circunstancias, que o deputado nacionalista ve "claramente irregulares", o BNG solicitou a comparecencia da ministra de Infraestruturas, Raquel Sánchez, para que dea explicacións, reclamou un informe independente e rigoroso e avanzou a solicitude dunha Comisión de Investigación no Congreso.

"Evidentemente, a función desa comisión terá de ir orientada a estudar todas as responsabilidades políticas neste caso, desde a licitación, seguimento e recepción das obras até o derrubamento e a actuación do MITMA en relación con el. Aí é relevante o feito de que se pretenda pasar páxina cun informe fraudulento, claramente de parte. O Goberno terá que explicar por que quere eximir de responsabilidade as empresas construtoras", concluíu Rego.

Comentarios