Primarias PSdeG

Estes tres militantes socialistas preséntanse ás primarias do PSdeG

"Todos os aspirantes cumpren coas condicións necesarias para ser precandidatos e agora comezan a recollida de avais" que rematará o día 18 de outubro ás 15 horas, indican desde o PSdeG.
Gonzalo Caballero, José Ramón Gómez Besteiro e Manuel Losada (Foto: Europa Press / Nós Diario).
photo_camera Gonzalo Caballero, José Ramón Gómez Besteiro e Manuel Losada (Foto: Europa Press / Nós Diario).

Tres militantes socialistas presentaron a súa precandidatura para concorrer ás eleccións primarias nas cales a militancia escollerá a persoa que encabezará a candidatura á presidencia da Xunta da Galiza.

"Todos os aspirantes cumpren coas condicións necesarias para ser precandidatos e agora comezan a recollida de avais" que rematará o día 18 de outubro ás 15 horas, indican desde o PSdeG.

Así, foron tres as persoas que decidiron presentar a súa candidatura. José Ramón Gómez Besteiro, Gonzalo Caballero son os dous máis coñecidos e os favoritos para se faceren coa cabeza de lista á Xunta. Entre os candidatos tamén entro Manuel Losada, da agrupación socialista da Coruña.

Besteiro, o favorito

Besteiro parte como favorito para ser designado candidato socialista á Presidencia da Xunta da Galiza. Ao seu favor, conta con todo apoio da dirección estatal do partido e do círculo de Pedro Sánchez, que non dubida en mandar sinais á opinión pública sobre as súas preferencias por Gómez Besteiro.

Besteiro conta co apoio da maioría de dirixentes socialistas. Ten do seu lado os pesos pesados da formación na circunscrición da Coruña e Lugo así como a gran maioría da militancia nesas zonas.

Caballero

Pola súa parte, o actual deputado no Parlamento da Galiza, Gonzalo Caballero, ratificou esta terza feira o que xa era un segredo a voces, que ten a intención de competir con Besteiro.

Caballero erixiuse en "firme defensor" das primarias ao considerar que "son unha oportunidade" para que as bases do partido orienten "o presente e o futuro" da organización. "Son unha oportunidade para impulsar a nosa organización, para gañar o futuro, para conseguir ter máis forza", sinalou.

Losada

O terceiro e último candidato presentado é unha sorpresa e trátase de Manuel Losada, da agrupación socialista da Coruña.

Comentarios