Coa chegada do fin do prazo das ofertas para a compra do estaleiro Hijos de J. Barreras, o presidente do comité de empresa, Sergio Gálvez, demanda que se escolla unha compradora con plan industrial “de futuro” que traía aparellado “carga de traballo”.
Malia que distintas voces próximas á operación destacaban na sexta feira que estaba previsto que polo menos cinco empresas amosasen o seu interese pola factoría con ofertas vinculantes, Gálvez asegura que os sindicatos “non saben nada” sobre o proceso.
Entenden que “ten que haber unha discreción”, pero confían en que se “concrete algo a semana que vén”. No entanto, o feche do proceso podería tardar “dous ou tres meses”.
En todo caso, desde o comité se insiste en que é importante que a oferta vencedora "teña en conta tanto o mantemento do persoal como unha formulación industrial de futuro", porque "é o que todos desexan".
Espérase que entre os posíbeis compradores se atopen firmas como Estaleiros San Enrique, Estaleiros Armón ou Estaleiros Gondán, todos eles con instalacións en Vigo e en Asturies.
Compromiso do Goberno galego
Neste contexto, a Xunta prometeu ser “parte da solución” para Barreras. Así o dixo o vicepresidente segundo e responsábel de Economía, Francisco Conde, nunha entrevista radiofónica.
Subliñou que é básico garantir a actividade neste estaleiro, tanto para conservar o cadro de persoal como para manter o traballo “na industria auxiliar”.
Así mesmo, o representante do Goberno galego lembrou que a situación da factoría olívica "tampouco debe embazar o bo traballo que se fai desde o sector na Galiza".