Galiza, á cabeza en conflitividade laboral: unha de cada dez traballadoras en folga no Estado é galega

A Galiza figura, un ano máis, no podio das autonomías con maior conflitividade laboral no Estado español. En 2023, foi a terceira comunidade con maior número de traballadoras e traballadores en folga, así como tamén terceira en xornadas non traballadas. Só Euskadi e Catalunya superan a Galiza.
2023 11 04 Folga Limpeza Lugo (21)-3ee179aa
photo_camera Folga de traballadoras da limpeza de Lugo que se prolongou 130 días. (Foto: Nós Diario).

Euskadi, Catalunya e Galiza. Estas son, e por esa orde, as tres autonomías do Estado español que en 2023 rexistraron maior conflitividade laboral, segundo os datos do Ministerio de Traballo e Economía Social recollidos no Avance xaneiro-decembro 2023. Estatística de folgas que se vén de publicar. 

En 2023, o número de traballadoras e traballadores afiliados á Seguridade Social que na Galiza participaron en folgas foi de case 25.000. En concreto, 24.963. Só Catalunya, con 57.188 empregados e empregadas participando en paros, e nomeadamente Euskadi, con 93.717, tiveron rexistros máis numerosos. Entre as tres autonomías suman case 176.000 traballadoras e traballadores en folga, o que supón o 66% do total de persoas asalariadas que participaron en paros o ano pasado (264.000). 

O pasado ano, as xornadas non traballadas na Galiza superan as 80.000, 20.000 máis que no ano anterior, un aumento de 26%. De cada 100 xornadas non traballadas no conxunto do Estado (552.000) 15 corresponden a Galiza. En Catalunya as xornadas non traballadas o ano pasado foron case 90.000 e en Euskadi máis de 181.000.  Entre os tres territorios representan 351.000 xornadas non traballadas, o 63,5% das do conxunto do Estado. 

Aumento

Os propios datos do Ministerio de Traballo e Economía Social en 2022 xa situaban Galiza como a cuarta comunidade con maior número de xornadas non traballadas por mor de folgas e paros e a cuarta onde máis traballadoras e traballadores participaron nas folgas. O informe do Consello Económico e Social referido a 2022 rexistra que o número de persoas participantes en folgas alcanzou as 20.784, 13.484 máis que no ano anterior, o que situaba a Galiza como a cuarta comunidade con maior número de participantes (8,3% do total estatal), superada só por Cataluya (27,3% dos traballadores participantes no conxunto do Estado), por Euskadi (26,9% ) e Andalucía (8,5%).

Finalmente, en relación á evolución no número de xornadas non traballadas, estas alcanzaban no ano 2022 na Galiza as 63.672, 46.513 máis que no exercicio anterior. A Galiza rexistra o 10% do total de xornadas non traballadas no conxunto do Estado, a terceira porcentaxe máis elevada entre os 17 territorios, por detrás de Euskadi (36,8%) e Catalunya (16,4%).

As mulleres, á cabeza en participación

O número de persoas que participaron en folgas no conxunto do Estado foi 263.837, cun total de 552.111 xornadas non traballadas. Por idades, a maior conflitividade laboral en número de traballadoras e traballadores afiliados en folga rexistrouse nas idades de 45 a 54 anos con 78.479 (29,7%) e 170.573 (30,9%) xornadas non traballadas. Por sexos, 156.383 (59,3%) traballadoras participantes en folgas foron mulleres fronte aos 107.454 (40,7%) traballadores homes. 

Comentarios