A idade de xubilación aumenta coa entrada do novo ano: estas serán as mudanzas normativas

Os galegos e as galegas que queiran xubilarse a partir do 1 de xaneiro, con 100% da pensión, terán que ter polo menos 66 anos e seis meses cumpridos.
Dous operarios da construción traballando (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Dous operarios da construción traballando (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

Os galegos e as galegas que queiran xubilarse a partir do 1 de xaneiro, con 100% da pensión, terán que ter polo menos 66 anos e seis meses cumpridos, en virtude da reforma de pensións de 2013, na que se elevaba progresivamente a idade de xubilación desde os 65 aos 67 anos nun horizonte total de 15 anos.

Estes 66 anos e seis meses será a idade que se exixa para quen acredite menos de 38 de cotización (en 2023 exíxense 66 anos e catro meses cumpridos para poder xubilarse con menos de 37 anos e nove meses cotizados). Se se superan os 38 anos cotizados, os traballadores e as traballadoras que queiran xubilarse desde o 1 de xaneiro de 2024 con 100% da pensión terán que ter 65 anos cumpridos.

O que non cambiou coa reforma de 2013 é o requisito de cotización mínima para poder acceder á pensión contributiva de xubilación, que se mantén en polo menos 15 anos, dous dos cales deben estar comprendidos nos 15 anos anteriores á xubilación.

Xubilación parcial

No caso de que os traballadores e as traballadoras queiran acceder á xubilación parcial sen que a empresa faga un contrato de substitución, a idade mínima de acceso será a idade ordinaria de xubilación que en cada caso resulte de aplicación.

Se a empresa fai un contrato de substitución para cubrir o tempo de traballo que deixa de traballar a persoa que se xubila parcialmente, a idade mínima de acceso para a xubilación parcial será desde o 1 de xaneiro de 2024 de 62 anos e seis meses se se teñen cotizados 36 anos ou máis, ou de 64 anos no caso de que se teñan 33 anos cotizados.

Xubilación anticipada

A Seguridade Social permite xubilarse anticipadamente aos traballadores e ás traballadoras de forma voluntaria até un máximo de 24 meses antes da idade legal ordinaria. Se a xubilación anticipada é involuntaria, é posíbel xubilarse até un máximo de 48 meses antes da idade de xubilación ordinaria.

No caso da xubilación anticipada, a Seguridade Social aplica unha serie de coeficientes redutores sobre a contía da pensión, que dependen do número de meses de adianto da idade de retiro e do período de cotización acumulado.

Por contra, se se atrasa voluntariamente o acceso á pensión de xubilación despois da idade ordinaria, a persoa pensionista recibirá unha bonificación, que pode consistir nunha porcentaxe adicional de pensión de 4%, unha cantidade a tanto alzado ou unha combinación de ambos se se demora a xubilación dous anos ou máis.

Comentarios