Xustiza

A Xustiza chama a declarar como investigados por acoso oito directivos e cargos intermedios da CRTVG

A política laboral da CRTVG volve ao xulgado. Se a semana pasada coñecíase un auto do Supremo que declaraba en fraude de lei 30 contratos de alta dirección da empresa, nesta cuarta feira púñase data á declaración no xulgado do director xeral da compañía, nun procedemento por acoso a unha traballadora.
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento da Galiza o pasado maio. (Foto: Arxina)
photo_camera O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento da Galiza o pasado maio. (Foto: Arxina)

O director xeral da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, e outras persoas da súa confianza, integrantes da dirección do ente público, deberán declarar como investigados a partir do 31 de xaneiro de 2024 no Xulgado de Instrución de Santiago de Compostela, como "presuntos autores dun delito de acoso moral e dun delito contra os dereitos dos traballadores".

O pasado 9 de xuño, Nós Diario avanzaba que o Xulgado de Instrución número 1 de Compostela acababa de admitir a trámite unha denuncia por acoso laboral presentada por unha traballadora da CRTVG no mes de maio. Ao tempo, o órgano xudicial solicitaba ao equipo psicosocial do Instituto de Medicina Legal da Galiza (Imelga) a emisión dun informe sobre "se a querelante presenta dano psíquico compatíbel cos feitos denunciados". Precisamente, a querela recollía referencias a diversos estudos elaborados por expertos independentes que apuntaban nesa dirección e confirmaban algúns dos feitos denunciados.

A querela sinala que a demandante incorporouse á súa praza no ente público, tras oito anos de excedencia, en 2012, desenvolvendo a súa actividade até o 26 de xaneiro de 2018 no departamento comercial da compañía, momento en que lle foi comunicado verbalmente o seu traslado a unha praza de redactora de informativos da Radio Galega. Ao tempo, recolle diferentes situacións de persecución denunciadas pola empregada do ente público, promovidas, segundo esta, por diferentes directivos da empresa, entre elas ser “a única traballadora excluída, a única, da cobertura da xornada electoral na Radio Galega” nas eleccións locais e europeas de maio de 2019.

Os querelados

As dilixencias abertas en xuño de 2023 polo xulgado compostelán recollían como querelados Alfonso Sánchez Izquierdo, director da compañía de radiotelevisión pública; Xosé Pereira Fariña, director da área de Innovación e Negocio; Alejandro López Carballeira, subdirector de Xestión dos Servizos Informativos; Tania Fernández Lombao, xefa do Servizo de Xestión Operativa de Programas da Radio Galega; Paula Veloso Pereira, xefa do Servizo de Xestión de Persoas e Seguridade Social; Susana Fernández Veiguela, que fora directora de Recursos Humanos; Manuel Casás Macía, responsábel de Seguridade, Saúde e Protección; e Vitalina Cuña Palencia, coordinadora de persoal da Radio Galega.

Denuncia de acoso

A publicación por Nós Diario da denuncia de acoso na Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) formulada por unha traballadora así como da relación dos querelados recollida nas dilixencias previas levou varios deles a ameazar a este medio con emprender accións legais por citar os seus nomes. Así, o 11 de xullo de 2023 remitiron un burofax á Dirección deste xornal onde solicitaban “a eliminación dos datos de carácter persoal” e a “desindexación das noticias polos motores de procura de internet” e sinalaban que “en caso de non atender o presente requirimento procederase a interpor as oportunas accións civís e/ou penais e todo iso sen prexuízo de acudir á Axencia de Protección de Datos para informar das devanditas acusacións”.

O referido burofax estaba asinado por Vitalina Cuña Palencia, Tania Fernández Lombao, José Pereira Fariña, Manuel Casas Macía, Susana Fernández Veiguela, Alejandro López Carballeira e Paula Veloso Pereira. Concretamente, estas sete persoas declararán a partir do 31 de xaneiro como investigadas canda Alfonso Sánchez Izquierdo no procedemento aberto por acoso no Xulgado de Instrución número 1 da capital da Galiza. A relevancia pública da causa fica clara ao volver  situar no foco, pola gravidade dos feitos denunciados, a dirección da CRTVG, cuxo labor é cuestionado polos traballadores da compañía e polas forzas da oposición no Parlamento da Galiza.

A nova fase neste procedemento de acoso chega após un auto do Tribunal Supremo (TS), que confirma unha resolución do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que apunta a que máis de 30 contratos de alta dirección da Corporación da Radio e Televisión da Galiza se atopan nunha situación irregular. Neste sentido, fontes da seccion sindical da CIG na CRTVG sinalan que atendendo unicamente ao plano orgánico de dependencia xerárquica directa da Dirección Xeral do ente público, de 37 persoas con relación laboral especial de alta dirección, 30 estarían en fraude de lei. Nesta situación, atoparíanse directores e directoras de departamento e xefes e xefas de servizo, todos eles cargos de responsabilidade na estrutura do ente público.

O director xeral da Compañía de Radio Televisión da Galiza (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, respondeu na terza feira a este auto nun escrito remitido á representación dos traballadores. Nesta misiva, tenta eludir as súas responsabilidades nos supostos sentenciados pola Xustiza e nos contratos en fraude de lei da alta dirección da compañía, trasladándolla ao Consello da Administración, un órgano sen competencias prácticas na xestión ordinaria da empresa.


O comité da radio e da televisión galegas denuncia represión sindical

O Comité Intercentros da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) vén de denunciar “unha nova onda represiva nos medios públicos” que afecta a actividade sindical na compañía. Segundo apuntan desde a representación social do ente público, o xefe do servizo de Coordinación e Apoio Xurídico da CRTVG, Jorge Varela Fernández, e a xefa do servizo de Diálogo Social da CRTVG, María Isabel Vázquez Rodríguez, en calidade de instrutor e secretaria dunhas actuacións previas contra unha actuación desenvolvida por membros do Comité Intercentros en exercicio das súas funcións, remitiron un escrito aos representantes sindicais co obxectivo de confirmar a súa participación nos referidos feitos.

O Comité Intercentros da CRTVG entende que o escrito é “un grave ataque á representación legal do persoal, que acudiu ese día -alertado pola presenza de persoal externo no plató da TVG- a verificar se eran certas as informacións que apuntaban que persoal externo estaba a traballar nas instalacións da TVG sen que tal extremo lle tivese sido comunicado ao comité de empresa, como é obriga”.

O órgano de representación sindical “considera un intento de ameaza coa que a dirección pretende que a representación sindical da radiotelevisión pública deixe de facer as súas funcións de control e vixilancia da lexislación laboral, neste caso no que atinxe á fraudulencia dos contratos”. Neste sentido, lembra que "o ente acumula máis de 400 sentenzas condenatorias por cesión ilegal de traballadoras”.

Comentarios