Convencidas de que a cooperación ao desenvolvemento "comeza mudando as estruturas de explocación" e que calquera cambio "ten que se producir desde a Galiza", a ONGD Implicadas vén de sinalar a data da cita anual que organizan coa cultura galega e coa solidariedade: o festival Implícate! Será o vindeiro domingo 13 de xaneiro.
Máis unha vez, serán Yolanda Castaño e Luís Tosar @s encargad@s de conducir unha gala que mesturará o teatro, a danza, a literatura e a música coa explicación dos proxectos que a mencionada entidade está a desenvolver a día de hoxe. Son catro en total, repartidos a partes iguais entre a India e Etiopía.
O espectáculo dará comezo ás oito e media do serán e durará unhas dúas horas. Será no Teatro Principal de Santiago, e terá un prezo de 12 euros (8 para estudantes e 5 se quen paga a entrada quere sentar na fila 'pantasma' d@s que non poden asistir pero desexan facer a súa aportación á causa). Os cartos recadados irán destinados a loitar contra o infanticidio feminino no sur da India onde, segundo os datos que manexa a organización fundada e presidida pola escritora María Reimóndez, cada ano morren ou deixan de nacer 200 nenas. Do que se trata é de combater esta forma extrema de violencia en que as propias comunidades consinten os asasinatos de crianzas recén nacidas pola baixa consideración social que teñen as mulleres.
A organización non gobernamental puxo en marcha unha campaña de crowdfunding coa que buscan recadar os 2.500 euros que lles cómpren para pagar os cartaces e a equipa técnica que traballará o día do festival.
- O PROGRAMA: ARTE Á ESCOLLA
MÚSICA
-Budiño
-Sés
-Xoán Curiel
DANZA
-Quique Peón
TEATRO
-Roberto Vilar
-Rubén Ríos
-Estíbaliz Veiga
LITERATURA
-Carlos Negro
-María Canosa
-Eva Veiga
-Anxo Angueira