Un ollar a fondo sobre os 50 anos da UPG

O 25 de xullo de 1964 nacía a UPG. Cinco décadas de historia aínda por escribir. Neste A Fondo, recuperamos as razóns do seu nacemento, os seus retos e a mirada á organización dende dentro.

capa a fondo UPG 2

A dous días do acto que celebrará os 50 anos da UPG (nesta sexta feira en San Domingos de Bonaval) sae aos quiosques este A Fondo coordenado por Roberto Vilameá. Conta coa participación de Bautista Álvarez, o seu cofundador e presidente, e do actual secretario xeral, Néstor Rego quen, nunha entrevista para o suplemento, aborda as cuestións máis candentes que ha de afrontar o movemento de liberación nacional. 

Ademais, unha ducia de militantes e ex militantes da UPG, de moi diversos perfís, achegan tanto a súa experiencia persoal como a súa valoración ao redor do papel da Unión do Povo Galego como instrumento político.

Bautista Álvarez lembra os inicios da UPG e o contexto no que naceu: o fracaso intencionado do Consello da Mocidade, a que pretendía ser a delegación xuvenil do Consello da Galiza, dinamitada con argumentos anticomunistas no contexto piñeirista da época. "Querían reducir o movemento nacionalista a unha relixión. Pero este credo laico tiña un Buda que impartía a doutrina de que o nacionalismo non debía organizarse. Que debía introducirse nos partidos existentes, agás os de teoría e práctica marxista", escribe Bautista Álvarez.

Néstor Rego, que chegou á secretaría xeral da UPG hai dous anos despois dun longo período de militancia, fala na entrevista para o A Fondo os retos do nacionalismo galego. "A unidade das forzas patrióticas ─afirma─ é a mellor forma de asegurar a defensa dos intereses das clases populares galegas e de Galiza como nación". Rego refírese a cuestións como a conexión coa mocidade do nacionalismo galego ou o desenvolvemento dos obxectivos acordados na última Asemblea Nacional do BNG: recuperar o traballo social de base, a socialización da soberanía nacional e a unidade do nacionalismo.

Unha achega á historia da UPG dende dentro é a que constrúen a ducia de persoas consultadas para este A Fondo, que tiveron ou teñen vinculación directa coa Unión do Povo Galego a través da militancia. Entre elas, militantes de vello e moz@s que achegan unha nova perspectiva, persoas con moi diversas responsabilidades políticas dentro da organización e outras que que xa non forman parte da mesma pero seguen ligadas ao nacionalismo.

Dannos a súa visión da UPG, dende o persoal e dende o político, Manuela Fraguela, Xosé Carlos Solla, Elvira Souto, Carme García Negro, Saleta Goi, Paco Rodríguez, Lois Diéguez,Alba Castanedo, Antón Sánchez Ribeiro, Ana Barxa Cid, e Xacobe García Souto 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios