#sermos251: cando Galiza foi República

Lembramos a proclamación o 27 de xuño de 1931 da República galega, entrevistamos o secretario xeral da CIG, paulo Carril, e o editor Henrique Alvarellos, ofrecemos unha nova entrega dos debates polo V aniversario, desta volta con Francisco Jorquera e Xesús Palmou a conversar sobre autogoberno. Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

‘A efémera República galega’. Foron só unhas horas, as do 27 de xuño de 1931, mais a proclamación da República Galega colocou as demandas do país nunha axenda política centrada nas eleccións ás Cortes Constituíntes a celebrar o día seguinte. Desa data, o historiador Xoán Carlos Garrido mantén que “debemos extraer algunhas conclusións, mesmo 86 anos despois”.

Sensibilizar, visibilizar, concienciar e informar sobre a realidade LGBTi nos centros educativos é unha das materias pendentes do ensino no país. E non só. Tamén a formación de docentes, alumnado e ANPA en diversidade. Ollamos cara á realidade escolar na semana previa á conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGBT+. ‘Aulas seguras contra LGTBfobia’.

Sg251

‘O traxe tradicional sobe á pasarela’. “Queremos unha pasarela como a do Louvre”, dixo o presidente da Asociación Etnográfica Sete Espadelas. Baixo esta premisa e co título “Sete varas, un refaixo”, a Deputación de Pontevedra vén de organizar o primeiro gran desfile de traxe tradicional na Galiza. Tivo lugar no Pazo provincial e sobre a pasarela desfilaron 47 modelos que amosaron perto de 50 traxes tradicionais de diferentes épocas históricas e comarcas do país.

Debate

Na sección 5x2, que Sermos Galiza impulsa con motivo do seu V aniversario, Francisco Jorquera e Xesús Palmou fan balanzo de tres décadas de autogoberno e propoñen deseños de futuro.

‘O BNG pon xa rumo ao Día da patria 2017’. O Consello Nacional formula un 25X aberto ao que se adhiran persoas e coletivos que queren outra Galiza.

Achégase xullo e con el o Caderno de Verán que acompaña o semanario Sermos Galiza nos próximos dous meses. Nesta ocasión, e cada semana, visitaremos concellos e áreas xeográficas para achegarvos en papel os enclaves máis singulares do país. Non farán falta lapis nin papel para tomar nota, pois Sermos dará conta das características máis interesantes dos lugares en que recalaremos co Caderno de Verán.

b

Na sección de Internacional debullas as eleccións francesas, cunha abstención histórica e vitoria de Macron, para alén do resultado histórico do nacionalismo corso. Imos atmén até Uruguai, onde unha greve xeral exixe o cumprimento do programa da Fronte Ampla. En Análise deitamos a mirada en Colombia, onde os paramilitares ameazan exiliados.

Entrevistamos Paulo Carril, que a finais do pasado mes de maio tomaba o relevo de Suso Seixo como secretario xeral da CIG. Asume a responsabilidade de personificar un cambio xeracional no ano en que a CIG pode converterse na primeira central sindical en representación, todo un fito para o sindicalismo nacionalista. Acredita no poder da clase traballadora para mudar a realidade e advirte: “Non somos un sindicato de concertación”. En Análise, falamos da precariedade laboral e a pobreza en tempos de crise.

No Selfie.entrevista falamos con Luis González, de Atrifoga, e Felipe Senén lévanos polos lugares malditos nun cabo do mundo máxico. O colectivo Xea lévanos por un roteiro polos cantís de Malpica.

Henrique Alvarellos, da vicedecana das editoriais galegas, recoñece que “na miña familia hai unha especie de liña de sangue editorial estraña”. Ademais, adentrámonos nos “proxectos fermosos” de María Vitoria Moreno, a homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2018.

E como non as colaboracións e achegas. Xoán Costa, Marilar Aleixandre, Guillerme Vázquez, Tokio e Nachortas, X. Caballero, P. Sampedro, Mario Regueira, Andrés Castro, M. Xestosos e Iolanda Gomis. 

Comentarios