A Academia abre un período de reflexión que pode conducir á expulsión de Ferrín

A Real Academia Galega abrirá un período de reflexión que pode conducir á expulsión de Xosé Luís Méndez Ferrín agás que este reconsidere a súa renuncia, presentada hai cinco anos. Así o acordou o plenario da institución, reunido este sábado 17 de marzo, segundo avanzou a revista Luzes.
 

real academia galega
photo_camera Académicas e académicos o día da elección do actual presidente, Víctor Freixanes. Foto: Real Academia Galega.

Fontes oficiais da Academia explican que o seu máximo órgano decidiu preguntarlle ao escritor se quería ou non reincorporarse e retirar a súa dimisión. Estas fontes matizaron a información inicial nunha nova versión e aseguraron que, unha vez coñezan a posición do escritor, "que é anómala e contraria aos estatuos", decidirán que facer coa situación.

O documento regulador di no seu artigo 61, correspondente a “faltas e sancións”, que se considerará “falta grave contra a Institución, que pode dar lugar á perda de condición de académico segundo o art.11 dos Estatutos, a non participación en ningún dos traballos das distintas Seccións da Academia, a inasistencia reiterada e non xustificada ás Xuntas ordinarias ou a conducta contraria ás finalidades da Academia sinaladas no art. 2 dos mesmos Estatutos. Ós efectos da sanción prevista nos Estatutos, o Plenario advertirá unha vez o académico da súa situación irregular e, se persistir na mesma conducta, procederá a retirarlle a condición de académico e a inicia-lo proceso para cubri-la vacante”.

O 24 de febreiro de 2013, Méndez Ferrín anunciou a súa dimisión como presidente da Real Academia Galega. O 13 de marzo daquel mesmo ano devolvía a medalla que simbolizaba a súa pertenza á Academia. O pleno da institución, porén, rexeitou por unanimidade a renuncia. A situación quedou así. Ferrín dimitira pero os seus colegas non o aceptaban.  

Ate que o pasado 17 de marzo os membros numerarios Manuel Rivas, Chus Pato, Xosé Luís Axeitos, Manuel González, Euloxio Ruibal, Francisco Fernández Rei, Darío Xohán Cabana e Xosé Luís Regueira someteron ao plenario un escrito para pedir que se restituíse o nome de Ferrín na listaxe de académicos da web oficial e no de destinatarios dos boletíns e comunicados. Segundo a Academia, non figura na páxina da institución porque el mesmo o pediu.

A proposta foi respondida por outro grupo de académicos e académicas, que pediron preguntarlle ao autor de Con pólvora e magnolias (1976) se reconsiderará ou non a súa dimisión de hai cinco anos antes de asentir á petición de Rivas, Axeitos ou Pato. Con especial dureza contra Ferrín expresáronse, segundo persoas alí presentes, os académicos Andrés Torres Queiruga ou Francisco Díaz-Fierros.

Os que avogaban pola recuperación do nome de Ferrín lembraron, de acordo á información de Luzes, que outros numerarios como Xosé Luís Franco Grande ou Xesús Alonso Montero pasaran oito e catro anos respectivamente sen participaren nin asistiren ás actividades da Academia. Franco Grande mesmo criticou a institución en público con acritude e contundencia. Non foron advertidos e a día de hoxe continúan no plenario. Miguel Anxo Araúxo Iglesias, monseñor Araúxo, tamén dimitira como académico e a Academia tampouco o aceptou. Morreu coa distinción en 2007.

Mais a maioría do plenario non quixo votar a primeira das propostas. Así, os promotores da mesma abandonaron a xuntanza. Os 18 académicos e académicas que ficaron acordaron -14 votos a prol, tres en branco e unha ausencia no intre da votación- comunicarse con Méndez Ferrín e, no caso de que este manteña a súa posición de hai cinco anos, abrir a porta estatutaria a poñelo fóra da Real Academia Galega.

Máis en CULTURA
Comentarios