Adeus a Suárez Abel

Esta terza feira 18 de abril falecía o escritor Miguel Suárez Abel por mor dun cancro e esta cuarta foi despedido en San Estevo do Campo (Arzúa), onde naceu. Quédanos a súa obra e o seu blog onde nos últimos meses ía verquendo os seus esforzos -tamén literarios- para enfrontarse á morte. 

suarezabel
photo_camera Miguel Suárez Abel [Foto: Galaxia]

Escritor e xornalista, Suárez Abel (Santo Estevo do Campo, Arzúa, 1952), mantiña desde hai anos un blog persoal no que nos últimos meses contaba as súas experiencias coa enfermidade. No seu último post, do 15 deste mesmo mes, dicía: "Cando me preguntan como o levo, non atopo mellor resposta que: evolucionando. Evolucionando a canda a enfermidade. Seguindo os seus pasos, as súas ordes, as súas decisións incontestables. Se decide pasar silente un par de días, un par de días que tamén silencio as preguntas ou as desvío ou dirixo con fortaleza. Se marca ritmos de dor crecente, á dor hei de facer fronte esquecendo toda outra necesidade ou pretensión".

A súa última novela, 'Nunca te vin chorar', foi publicada en Galaxia en 2010, editorial que destacou no seu pasamento "a necesidade na súa obra de pescudar nas formas de relación do ser humano co mundo". Segundo a editora dirixida por Fran Castro, "o interese que Suárez Abel poñía no desenvolvemento do argumento, na disposición da historia e no deseño dos personaxes é consecuencia e xustifícase por esa busca do senso moral da ficción. Conseguir transmitir ese senso da vida aos outros era unha das súas grandes preocupacións". 

Suárez Abel deuse a coñecer como escritor a principios da década de 1980 no Premio Modesto R. Figueiredo cos relatos “O fillo do Serafín” (accésit en 1981), “O Quiquiriquí” (primeiro premio no 1982) e “A alemana” (finalista en 1986). A súa primeira novela 'Turbo' (1986) gañou o Premio Blanco Amor. Posteriormente publicou 'Álvaro Pino' (1989), 'Sabor a ti' (finalista do Premio Xerais en 1991), 'Selva Negra' (1993) e participou en libros colectivos como 'Contos do Castromil' (1992), 'Unha liña no ceo'  (1996), 'Novo do trinque' (1997), 'Contos dende a arquitectura' (2003) e 'Pontevedra. Laranxeiras e limoeiros' (2015). 

Asiduo colaborador en radio e prensa, no ano 2001, recibe o Premio de Periodismo Julio Camba. No 2002, gaña o Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia con 'O repenique de Beatriz Goldar' (2003). E, no ano 2007, recibe o Premio Periodístico Puro Cora.

Comentarios