Albums de aquí e acolá / Mónica de Nut

“Trilitrate son moi orixinais á hora de compoñer”

Cando Mónica de Nut pisa un escenario as fronteiras esvaécense. Nin folk, nin jazz, nin ópera, nin cabaret, senón unha mestura indómita deses e outros elementos, sen prisioneiros e tampouco concesións ao previsíbel. A trioloxía de discos coa que irrompeu nesta década confirman a insularidade da súa proposta. Como tamén a confirman as súas escollas para Albums de aquí e acolá.
 

mónica de nut - foto
photo_camera Mónica de Nut. Foto: cedida.

maria joão & mário laginha - danças (1994)

“Cando oín pola radio Danças, de Maria João e Mário Laginha, impresionoume”, explica, “sobre todo pola maneira de cantar de Maria João”. Adoito adscrito ao circuíto dos festivais jazz, o dúo ía máis alá e partía de certa tradición musical portuguesa. Danças publicouse en 1994.

“Despois de Danças, fixeron máis discos. Pero tiñan un ton máis comercial, non eran tan auténticos”, considera, “é que sempre resulta difícil superar o primeiro disco”. O primeiro de Mónica de Nut chamouse Mónica de Nut Trío, saiu en 2012, e avanzaba algúns dos peculiares achados que darían forma á súa seguinte obra, De fíos invisibles chegan as cores (2014), cuxa sonoridade está marcada pola presenza do guitarrista Virxilo da Silva.

De fíos... remexía no canto tradicional, que De Nut aprendeu e perfeccionou na Etrad de Vigo e canda Mercedes Peón, e colocábo no centro dun torbón blues jazz en que non faltaba a pegada da ópera de entreguerras. Na mesma banda heterodoxa actúan os vigueses Trilitrate. O seu primeiro traballo, Fálachesme na man (2014), é o elixido de entre a música galega pola autora de Raíces Aéreas (2016).

trilitrate - faláchesme na man (2014)

Derivados da Orquestra Metamovida, Trilitrate empregan instrumentación acústica para atravesar toda fronteira: a improvisación libre, a música tradicional, o post rock. “Son moi bos como instrumentistas e moi orixinais á hora de compoñer”, expón Mónica de Nut, para quen non resultou doado decidirse: “Existe tanta cousa boa e ben feita...”.

En 2016, Trilitrate afondaron na súa investigación con Frutal Death, unha gravación que, segundo as súas propias palabras, apesta a século XX e por iso se debate entre a música contemporánea, a world music e o folk balcánico, a neoclásica e os ritmos pegados á terra”. Mais De Nut queda co primeiro. Non hai como a descuberta dunha música nova.

Máis en CULTURA
Comentarios