CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Alta sociedade, altamente recomendábel para amantes do post-humor

altasociedade1
photo_camera Un fotograma do filme.

A ALTA SOCIEDADE

Ma Loute

(EUA 2017, 104 min.) 

Dirección e guión: Bruno Dumont

Fotografía: Guillaume Deffontaines

Elenco: Fabrice Luchini, Juliette Binoche, Valeria Bruni Tedeschi, Brandon Lavieville, Raph, Jean-Luc Vincent, Cyril Rigaux, Didier Després, Thierry Lavieville, Caroline Carbonnier

SINOPSE

Unha serie de misteriosas desaparicións están a acontecer na Baía Slack, no Paso de Calais, un lugar de veraneo da familia Van Peteghem e habitual morada dunha familia de pescadores. Os inspectores Machin e Malfoy acudirán á zona para investigar o suceso.

CRÍTICA

Bruno Dumont repite practicamente o mesmo esquema de comedia negra absurda que puxera en práctica n’O pequeno Quinquin, unha mini-serie tan orixinal que chegou a se estrear en salas comerciais en formato película. Como naquela, n’A alta sociedade tamén hai crimes, uns particulares inspectores de policía, a presenza omnipresente da praia, personaxes grotescos, humor que linda co surrealismo e romances púberes. É coma se O pequeno Quinquin fose un campo de probas da excentricidade subxacente que non se atrevía a liberar e que agora, n’A alta sociedade, logra dar renda solta até límites descoñecidos. Semella que Dumont deu cun nicho de mercado non explotado do que pensa ser referente mundial... Traslada a historia a unha baía do norte de Francia onde están a acontecer unhas misteriosas desaparicións de turistas. Os investigadores Machin (Didier Després) e Malfoy (Cyril Rigaux), unha sorte de Laurel e Hardy mesturados cos Hernández e Fernández de Tintín, tratarán de resolver o caso por todos os medios, incluso tirándose a rolos praia abaixo se é preciso... Na zona viven os Brufort, unha familia de mariscadores que vive en chabolas á beira do mar. Arriba, na mansión do outeiro, veranean os Van Peteghem, unha familia adiñeirada. Entremedias o mozo Ma Loute Brufort (Brandon Lavieville) queda pillado de Billie (Raph), unha das fillas Van Peteghem que oculta algo máis do que aparenta. O título do filme, e non me refiro ao título orixinal que é un xogo de palabras só entendíbel por francófilos, xa dá unha pista de que a cousa irá de loita de clases, mais non será baixo o prisma do clixé habitual, senón que aposta por ridiculizar a atrofia endogámica da burguesía a través dunha familia rica de principios de século XX. Dumont fai que estean tan pasados de voltas que o resultado case está máis próximo ao dadaísmo que ao surrealismo que se lle presupón ao filme. Pero non son os únicos. Unha recua de caricaturas en forma de personaxes pululan pola baía. Semella como se todas as personaxes saíran dun universo paralelo ao creado por Jeunet e Caro en Delicatessen, e de súpeto aparecese de visita Jacques Tati, ao carón de Romeo Montesco, da man de Victoria Grant e uns cantos garrulos lisérxicos. Todos eles manexados por fíos invisíbeis tal se foran uns monicreques ao servizo da farsa. Así de estraño é todo na historia ideada por Bruno Dumont. Encabeza o reparto Fabrice Luchini (Na casa) que interpreta o extravagante cabeza de familia Van Peteghem, un verdadeiro sosias do Honorato que saía xunto a Rosa María Sardá naquel programa de humor de finais dos oitenta. Tamén se prestan á farsa Valeria Bruni Tedeschi (O capital humano) e a gran Juliette Binoche (Viaxe a Sils Maria), ambas facendo alarde da súa vis cómica máis descoñecida e hilarante. A alta sociedade é unha enorme brincadeira surrealista que serve de pretexto para facer burla (sen piedade) do estrato máis adiñeirado da sociedade. Filme orixinal, subversivo, metafórico, experimental, salvaxe, raro... moi raro. Altamente recomendábel para amantes do post-humor, resto absterse.

Comentarios