A líder do BNG debuta coa curta 'Nós mesmas'

Ana Pontón, cineasta

O tren é unha das metáforas recorrentes que atravesan a historia do cinema practicamente desde o seu nacemento. E un tren é tamén o corazón de Nós mesmas, a curtametraxe coa que debuta nas pantallas Ana Pontón (Sarria, 1977). Si, a mesma Ana Pontón que exerce como portavoz nacional do BNG.
 

Nós mesmas, fotograma
photo_camera Fotograma de 'Nós mesmas', a primeira curta de Ana Pontón.

“Hoxe estreo a miña criatura, agardo que vos guste”, anunciaba Pontón na súa conta de twitter a pasada sexta feira. Nós mesmas, expón a sinopse do filme, “é o resultado das conversas de cinco mulleres conectadas con San Sadurniño. As súas vivencias, as súas frustracións e os seus soños tecen unha historia que toma corpo nunha viaxe no Feve”. A obra, engade o texto, “pretende deixar unha mensaxe de esperanza nun momento de deconstrución da nosa identidade colectiva”.

O vínculo de Pontón co Concello de San Sadurniño débese á Chanfaina Lab, “encontro de cineastas galegas e galegos”, que se celebra na vila desde hai catro anos. “Na Chanfainalab apostámolo todo pola democratización da produción audiovisual”, explican na organización, “pola capacidade de calquera persoa para escribir ou expresarse a través das imaxes”.

A política nacionalista, que xa participara na segunda edición da Chanfaina Lab como produtora de Trazos, de Alberte Branco -quen, á súa vez, produce Nós mesmas-, achegouse á cámara con dous obxectivos a retratar: “O empoderamento da muller e a reivindicación do trazado do tren Feve, tan maltratado e abandonado pola Administración nos últimos anos”.

O resultado é Nós mesmas, unha peza de pouco máis de seis minutos de duración. “Quixen darlle voz e protagonismo ás mulleres de San Sadurniño como acto reivindicativo e empoderamento feminino”, resume, “visibilizando reflexións e sentimentos que rachan con estereotipos e falsas dicotomías entre rural e urbano”.

Máis en CULTURA
Comentarios