Unha antiga ferraxería acolle a exposición “elas som eu”

Unha antiga ferraxería convértese nunha sala de exposicións que acolle agora a mostra “elas som eu”, dentro da edición feminista do Festival das Brétemas. O traballo colectivo explica como o espazo abandonado onde antes se vendían cravos,martelos ou parafusos é agora un centro cultural autoxestionado. 

.
photo_camera .

Colectiva é a mostra “elas som eu”, colectivo o seu concepto e colectivo o traballo que converteu a ferraxería Mariño de Ponteareas, un establecemento abandonado, no espazo cultural no que agora o Festival das Brétemas abre este día 2 de maio ás 20.00 horas unha exposición fotográfica dentro do programa desta nova edición que ten o feminismo como protagonista. 

Cun espazo cedido no que a intervención foi xa tornalo en sala expositiva, a mostra estará aberta até o 31 de maio con obras das artistas Pilar Abades, Sabela Iglesias, Silvia Mella e Xiana Quintás, nun proxecto que está ao coidado de Alba Marinha e Pablo Prado. A “auto-definición”, o “auto-retrato”sen caer no personalismo é a proposta que reúne esta colectánea na que as mulleres tórnanse en protagonistas, “aquelas mediante as cales as artistas se ven e se escrutan, tanto a elas mesmas como ás súas contornas vitais. “Elas son eu”procura a pegada feminina como “chave para entender esta introspección”. 

O propio espazo, no que a memoria dos mostradores e os estantes que outrora armacenaron milleiros de obxectos, é un atractivo máis para a visita da mostra que, ao tempo, inaugura o que será un centro cultural efémero que durante o mes de maio ofrecerá obradoiros, palestras e outras actividades.

Máis en CULTURA
Comentarios