Daniel Caxigueiro, artista plástico

“Aquí na Mariña sempre houbo un certo movemento artístico”

Daniel Caxigueiro é un artista plástico multidisciplinar interesado especialmente pola instalación, que a miúdo mestura coa escultura, a fotografía ou a poesía. A súa obra, de marcado carácer crítico e periférico, reflexiona sobre a pegada do ser humano na Terra, a destrución da natureza e os conflitos bélicos, entre outros. Participa moi activamente nas Xornadas de Arte de Foz, que decorren desde a pasada segunda feira e que conclúen esta quinta 26A.

caxigueiro
photo_camera caxigueiro

Natural de Mondoñedo, a súa estancia no Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos fai que estabeleza unha relación especial con este material, que inclúe en boa parte da súa obra. Centrado no xénero da instalación escultórica desde 1990, Caxigueiro traballa desde hai seis anos nas Xornadas da Arte de Foz, coordinadas pola asociación cultural A Pomba do Arco.

-Como xorden unhas xornadas sobre arte en Foz?

-Aquí na Mariña sempre houbo un certo movemento artístico, probabelmente máis que noutras bisbarras do país. Máis que unha necesidade, é un encontro entre profesores e artistas. Decidimos comemorar o Día Internacional da Arte, que aínda non tiña lugar de forma oficial naquel momento e así foi así como xurdiu todo. Amais destas xornadas, asociacións como Tá en Artes está organizando exposicións de artistas da Mariña. Neste momento hai unha no Cenima [Centro de Interpretación da Mariña] de Foz que recolle unha boa representación do que se está a facer na zona, tanto de xente máis ou menos estabelecida como de artistas novos. A exposición encádrase na homenaxe que Tá en Artes está a dedicarlle ao artista Juan Puchades durante todo o ano a través de distintas actividades. Puchades foi profesor de boa parte dos que andamos por aquí, co cal é unha homenaxe ben merecida e pracenteira, na que coincide con moitos rapaces aos que lle deu clase. Pola nosa parte, desde Pomba do Arco tentamos dar visibilidade á xente da Mariña que vive aquí ou que está fora, e ao tempo traer xente interesante do panorama da plástica contemporánea galega.

-Como responde a xente a esta iniciativa, que xa vai pola súa sexta edición?

-Cada día esperta máis interese. O máis complicado é que haxa unha resposta da xente en lugares onde a plástica está un pouco esquecida desde o punto de vista institucional. No último ano houbo unha asistencia mínima de 30 persoas, e en xeral acuden entre 60 e 70 persoas. Non está nada mal para ser nun lugar afastado dos centros de creación. Son unhas xornadas pensadas para todo tipo de público e acompañadas de elementos visuais. Sempre hai proxeccións, tanto de vídeo como de imaxes, e intentamos que teñan presenza todas as disciplinas. Durante estes anos, tocamos fotografía, arquitectura, pintura, banda deseñada, investigación, crítica de arte, escultura… Un pouco de todo.

caxigueiro-Cal é o papel do asociacionismo cultural fóra das cidades?

-Suplir o que non están facendo as institucións, desgrazadamente. Nós non teriamos que estar cumprindo ese papel. A posibilidade de que a xente coñeza de primeira man artistas e creadores importantes, que poidan interaccionar con eles e facerlles preguntas de xeito directo, debía correr por parte das institucións. En todo caso, agora mesmo por sorte hai un espazo moi interesante aquí en Foz co Cenima, unha obra que se fixo hai uns anos e na que hai varias salas de exposición que poderían acoller perfectamente unha programación estábel, da que carecemos e que tamén reivindicamos. Xa non para Foz, senón pensando na Mariña, pois somos unha grande cidade. Do mesmo xeito que hai que trasladarse a Ribadeo ou Viveiro para ver teatro, o Cenima é o espazo axeitado para exposicións, máis non hai unha dotación mínima para ter unha programación interesante durante o ano nin para que haxa unha persoa que poida explicar e estabelecer unha relación normal entre o espectador e o que se está expoñendo. Incluso unha pequena biblioteca especializada ou obradoiros para pequenos, que tamén atraerían as nais e pais. Todo isto é dun custo mínimo e sería o necesario para que a xente acudira de xeito normal ao Cenima, pero non se está facendo e ás veces temos que loitar para que haxa unha iluminación mínima. O asociacionismo está facendo un papel que é responsabilidade das institucións.

-Que potencialidade teñen as artes plásticas na educación?

-A plástica na educación é algo xa non desexable, senón necesario. Non só no ensino, senón tamén no ámbito do cotiá. A base do turismo é a arte, incluso a nivel económico. Pero sobre todo desde o punto de vista vital, é unha necesidade tanto para o artista que se expresa como para o espectador. É, probablemente, o medio de comunicación máis íntimo que existe.

-Entendes a arte sen responsabilidade?

-É un tema onde hai grande discusión. Persoalmente, penso que é desexábel que a arte proporcione reflexión. Que sexa un xeito de axudar a entendernos nós e a entender a vida mellor. No meu caso, a denuncia está presente case sempre. 

-Hai moito da Mariña na túa obra?

-Inflúenme as actuacións desastrosas do ser humano, tanto na Mariña como fóra. Penso no urbanismo salvaxe destes últimos anos, que se dá na Mariña pero tamén no resto do planeta. A codicia é o que manda e o resultado é o que é. Desde ese punto de vista, a Mariña axúdame a espelirme. Sen falar xa do aspecto relacionado co lume, cando ves un bosque de eucaliptos o único que ves é unha masa monocroma, e cando algunha vez se cortan, daste conta de que hai volume detrás: Ladeiras, auga… Amais diso, preocúpanme cousas que non teñen que ver coa Mariña e nin sequera co estado español, estou pensando agora mesmo nos refuxiados, nas guerras e nos conflitos que afortunadamente non sufrimos pero sobre os que é necesario reflexionar e chamar a atención sobre eles.

-Como ves o panorama artístico na zona no que ten a ver con iniciativas e creadores?

-Bastante rico e plural. Hai un pouquiño de xente que se adica a distintas disciplinas. Nestas xornadas hai dúas persoas que non son de aquí, Silvia García, decana da Facultade de Belas Artes, e Soledad Penalta, escultora fantástica, pero hai outras dúas invitadas que si o son. Xaime Miranda, que falou esta segunda feira sobre Os videoclips no tempo dos videoclip, é un cineasta desta zona especializado en vídeos musicais. Miranda xa ten feito bastante aquí en Galiza e gañou o ano pasado no Festival de Cans o premio ao mellor clip por “Mi Re La”, do grupo Oh! Ayatollah. Tamén Ernesto Torterolo, que xunto con Xiao Berlai presentarán esta quinta feira o proxecto Desconhecido, unha historia de desamor contada por Berlai e debuxada polo artista de banda deseñada Ernesto Torterolo. Na Mariña hai moita pintura, escultura e instalación, é un aspecto no que estamos moi vivos.

Nota: a imaxe interior é unha obra de Caxigueiro.

Máis en CULTURA
Comentarios