Comeza esta quinta feira en Tui

O cinema e o real, da man no Play Doc

Esta quinta feira inicia o festival tudense, cuxo programa ofrecerá retrospectivas de Peter Emanuel Goldman e dos brasileiros Aloysio Raulino e Ozualdo Candeias

Peter Emanuel Goldman
photo_camera Peter Emanuel Goldman

O Play Doc chega á súa décimo cuarta edición con seis días de proxeccións, obradoiros, música e exposicións. A inauguración será esta quinta feira 26 de abril, ás 20:30 horas no Teatro Municipal. Alex Toth, Jeremy Gustin e Ricardo Dias Gómez forman o acompañamento musical do evento, que contará cunha selección de imaxes en Súper 8 e a posterior proxección de Alberto García-Alix. La línea de la sombra.

La Cinematográfica, laboratorio visual vigués, será a entidade encargada de recuperar e dixitalizar ditas gravacións domésticas dos anos 60, 70 e 80. As pezas visuais recollen momentos na casa e na rúa, e son amplamente reveladoras da historia, da memoria e das emocións de familias de Tui. A entidade tamén organiza canda o propio festival dous obradoiros –gravación en 16 milímetros e cinema para crianzas–, que completan o programa formativo xunto ao seminario A crítica feminista, coordenado por A Cuarta Parede.

A proxección de Alberto García-Álix. La línea del tiempo será ás 22:30 horas. A obra, realizada polo realizador galego Nicolás Combarro, é unha homenaxe ao artista Premio Nacional de Fotografía en 1999. O relato audiovisual, apresentado no Donostia Zinemaldia, amosa unha testemuña íntima da súa vida e obra, moi ligada á Movida madrileña da década dos 80. Este filme súmase aos outros nove títulos de cineastas galegos que tamén farán acto de presenza no festival, como son Oliver Laxe, Lois Patiño e Eloy Enciso.

Peter Emanuel Goldman, por vez primeira no Estado español

Nado en Nova Iorque en 1964, Peter Emanuel Goldman é un director referente no cinema underground norteamericano que visita o Estado español por primeira vez co gallo do Play Doc, que apresenta a primeira retrospectiva da súa obra no territorio estatal. O festival recupera, coa colaboración da Cinemateca Francesa, material perdido da súa primeira película, The Sensualists (1965).

Premiado no Festival de Cine de Pesaro (Italia) por un xurado composto por Jean-Luc Godard, Joris Ivens, Marco Bellochio e Bernardo Bertolucci, Goldman amosa neste filme un retrato dunha mocidade desesperada no procura de sentido a través do sexo. Rodada sen apenas financiamento e censurada na década dos setenta, The Sensualists foi considerada polo crítico Henri Chapier como “a película máis conmovedora arredor da desesperación da xuventude”.

Na retrospectiva tamén estarán presentes títulos destacados do realizador como son Pestilent City (1965), Wheel of Ashes (1968) –rodada en París e seleccionada para o Festival de Venecia– e Echoes of Silence (1965). Serán incluídas tamén as súas dúas primeiras curtas: Recommended by Duncan Hines e Nightcrawlers, ambas de 1963. Alén disto –e por primeira vez no Estado español–, o Play Doc exporá Love, Despair and Longing, unha mostra da súa obra fotográfica en colaboración coa Art Media Gallery de Miami.

Brasil nas marxes

Por último, o PlayDoc ofrecerá a primeira retrospectiva internacional do director brasileiro Aloysio Raulino (1947-2013). O realizador e fotógrafo, de grande sona na década dos setenta, produciu unha obra composta fundamentalmente por curtametraxes. Cunha clara vontade de experimentación, a súa produción revela unha pulsión social que converte o aparello cinematográfico nun vehículo para a poesía e o surrealismo.

O programa incluirá títulos como Lacrimosa (1970), Arrasta a Bandeira Colorida (1970), Jardim Nova Bahia (1971), Teremos infância (1974), Tarumã (1975), O Tigre e a Gazela (1977), O Porto de Santos (1978), Noites paraguayas (1982) e Inventário da Rapina (1985). Ademais, tamén estarán os tres filmes nos que exerceu como director de fotografía, como son Braços cruzados, máquinas paradas (1978) dirixida por Roberto Gervitz e Sérgio Toledo, Serras de Desordem (2006) dirixida por Andrea Tonacci, e O prisioneiro da Grade de Ferro (2003) dirixida por Paulo Sacramento, colega e discípulo.

Canda Raulino tamén figurará no programa Ozualdo Candeias (finado en 2007), precursor do cinema marxinal brasileiro que será homenaxeado no seu centenario. O seu legado de trinta e tres obras aparecerá representado no Play Doc a través de A margem (1967) e Aopção (ou: as rosas da estrada) (1981), entre outras. A primeira foi a ópera prima de Candeias, un dos primeiros en filmar en Boca de Lixo, unha área de São Paulo de forte marxinalidade. A segunda, premiada co Leopardo de Bronce no festival de Locarno, reafirma o compromiso do autor –fillo de labregos e traballador no agro ou na metalurxia antes de chegar ao cinema– coa súa contorna social.

Con este variado menú cinematográfico, o Play Doc pechará a vindeira terza feira 1 de maio nunha decimo cuarta edición que, nas palabras dos seus directores, achega unha carta “chea de filmes libres” a ser descubertos polo público.

Máis en CULTURA
Comentarios