CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

O contable

The accountant

O contable

The Accountant

(EUA 2016, 128 min.)

Dirección: Gavin O’Connor

Guión: Bill Dubuque

Fotografía: Seamus McGarvey

Música: Mark Isham

Elenco: Ben Affleck, Anna Kendrick, J.K. Simmons, Jon Bernthal, John Lithgow, Jeffrey Tambor, Cynthia Addai-Robinson, Robert C. Treveiler, Mary Kraft, Alison Wright

SINOPSE

Christian Wolff é un xenio matemático con máis afinidade para os números que para as persoas. Tras a tapadeira dunha pequena oficina contable, fai as contas aos criminais máis perigosos do mundo. Co Departamento do Tesouro tras a súa pista acepta un traballo nunha multinacional de robótica para cadrar unha discrepancia contable. Un erro de millóns de dólares que traerá inesperadas consecuencias.

CRÍTICA

Christian Wolff é “o contable”, un tipo con síndrome de Asperger que tanto che pode facer a declaración da renda a devolver coma voarche os miolos se te cruzas no seu camiño. Un Rain Man co adestramento de Jason Bourne, a determinación do xusticeiro da cidade (Charles Bronson) e o careto impasible do novo Batman versión Frank Miller. Por se fosen poucas estas referencias cinéfilas, a cousa comeza cun plano secuencia que nos retrotrae inmediatamente a Taxi Driver (1976, Martin Scorsese). A cousa promete, non si?... Obviamente non continúa con este nivel, mais tampouco é que pretenda dar algo diferente ao que acaba por plasmar en pantalla. O impertérrito señor Wolff preséntase a través da súa rutina diaria e manías xestuais axudado por algún que outro logrado flash-back que aporta as chaves do seu particular comportamento. Un rol que lle vén ao pelo a bo de Ben Affleck (Batman vs. Superman, Daredevil) pois a personaxe precisa dunha falta de expresividade facial case absoluta. Niquelado. O axente do Tesouro Ray King, interpretado por J.K. Simons gañador do Óscar a Mellor Secundario por Whiplash (2014, Damien Chazelle), anda tras a pista de quen pode ser este “contable” relacionado co máis granado da mafia internacional. Para darlle caza en plan Elliot Ness, convence a axente Medina (Cynthia Addai-Robinson) para que investigue e trate de desvelar a súa verdadeira identidade. Unha investigación tan tópica como prescindíbel. Risíbel por tramos...

Pronto sae ao rescate o mítico John Lithgow (Ricochet, O nome de Caín) para recuperar o nivel do filme. Anna Kendrick (Mike e Dave buscan roio serio) aporta o necesario contrapunto feminino e John Berthal (The Walking Dead) un punto de mala baba moi atinado. O contable tira de nostalxia recuperando os mellores ingredientes dos thrillers de acción dos anos 80 e principio dos 90. Dirixe con certo estilo, e moita garra, un Gavin O’Connor que, sen entrar en detalles, semella querer pechar unha sorte de “triloxía fraternal” que completaría ás anteriores Cuestión de honor (2008) e Warrior (2011). O’Connor anda moi hábil nas escenas de acción e consegue elevar por riba da media o listón dos thrillers que pululan hoxe en día, mais aínda quédalle por puír un pouco a parte dramática. De feito se rañamos un pouco na trama argumental, firmada por Bill Dubuque (O xuíz), aparece unha manchea de incongruencias, así que mellor reserven as unllas para comelas que de tensión non anda escaso... Digno thriller de consumo rápido que entretén, e moito. Ademais conta co engadido de dar algo máis de visibilidade unha enfermidade que, até hai nada, era unha gran descoñecida.

Máis en CULTURA
Comentarios