A CRTVG participa na campaña de animación á lectura xunto coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, (GALIX) máis a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) mais non é na pantalla da televisión onde se difundirán os contidos, será a través da súa páxina web e no seu twitter oficial.
A páxina da CRTVG acollerá todas as mensaxes recollidas co hashtag #EngalegoLeo co fin de animar á xente a facer as súas recomendacións literarias de libros en galego de maneira pública. Poderanse publicar tamén vídeos, imaxes ou diversos contidos para promover a produción editorial galega.
A campaña prolongarase até o día 23 de abril, Día do Libro, e o seu obxectivo é darlle protagonismo á lectura e compartir o gusto polos libros con que queira participar da iniciativa. Para achegarse á campaña compre acceder a través do enderezo http://www.crtvg.es/especiais/dia-do-libro, ou desde o dominio xeral da CRTVG no que haberá un banner para este proxecto.
“#EnGalegoLeo porque preciso portas e xanelas abertas ao mundo” da secretaria da AELG, Mercedes Queixas ou “Parafraseando a Celso Emilio, #engalegoleo "porque si, porque me gusta porque me peta e quero e dame a gana", foron algúns dos primeiros chíos que comezaron hoxe a animar a campaña.