A idea é sinxela: os participantes teñen que gravar na fin de semana un filme dunha duración de entre tres e cinco minutos, con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual. A ollada contemporánea sobre a paisaxe rural, a emigración, o devalar do tempo, as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello, transforman a San Sadurniño nun universo por descubrir e moi axeitado para debullar propostas visuais innovadoras.
O nome de chanfaina alude a unha receita tradicional dos territorios de antigos señoríos, cando as partes "nobres " do animal entregábanselle aos Señores, mentres as vísceras e as partes mais pobres quedábanse na cociña dos labregos, coas que preparaban a denominada chanfaina, de grande tradición nas parroquias de Bardaos e Igrexafeita.
Ademais de autoras e autores locais, tamén participan relevantes representantes do cinema galego como Lois Patiño ou Jorge Coira
Entre os creadores e creadoras que participan coa súa cámara nesta edición figuran naturais ou veciños de San Sadurniño como Patricia Lamas e Miguel Sanjurjo, Abel Vega, Fran Bermúdez, Bieito Beceiro, Pablo Martínez, Roberto Bouza ou Sebastián Rodríguez, o artista modestino Dani Ferreira, os ferroláns Natalia Porca, Lara e Noa Castro e Marcos Lourido, mais tamén participan relevantes cineastas do cinema galego de distintos puntos da xeografía galega: Lois Patiño, Lara Bacelo, Eloi Domínguez Serén, Carla Andrade, Claudia Brenlla, Jorge Coira, Ángeles Huerta, Pablo Millán, Sabela Pernas, Marta Piñeiro e Beatriz del Monte.
O evento é unha iniciativa de Manuel González e está organizado polo Concello de San Sadurniño. Colaboran as asociacións veciñais de Santa Mariña do Monte, Adiante Igrexafeita, Xuntanza de Lamas , San Pipote de Bardaos, Pico de Ferreira e Aula Cemit.