Ás 20 horas, diante da que foi súa casa natal na rúa San Francisco desenvolverase esta terza feira, día 25, a primeira das homenaxes a Ricardo Carvalho Calero convocadas arredor do 24 aniversario do seu pasamento. A propia comisión que está a sumar apoios para que a Academia Galega finalmente dedique o Día das Letras Galegas do próximo ano a súa figura é a que convoca este acto que contará coa actuación do coro Toxos e Froles e no que se lerá un manifesto da apoio á reivindicación que está a recoller apoios tanto individuais como colectivos e conta xa coa adhesión de máis de trinta entidades sociais e culturais. Para sumarse á iniciativa habilitaron o correo carvalhocalero2015@gmail.com. A comisión cidadá, integrada, entre outros, por Bernardo Máiz e Xosé María Dobarro, que anunciaron esta segunda feira as súas novas iniciativas, solicitará no mes de abril unha xuntanza co presidente da RAG, Xesús Alonso Montero para facerlle chegar o resultado do apoio popular e colectivo á candidatura de Carvalho Calero para o Día das Letras Galegas.
No documento co que se reclama a conmemoración anual da Academia para o que foi primeiro profesor de galego na Universidade, fálase dun “interesado esquecemento” que mantén, a día de hoxe, 24 anos despois do seu pasamento, “unha das ausencias máis clamorosas no eido das conmemoracións e homenaxes ás grandes figuras da cultura do país”.
“Van tres ocasións nas que non prosperou a proposta de que a RAG dedicara as Letras Galegas a D. Ricardo Carvalho Calero, esgrevio galeguista que ao longo de seis décadas e un pouco desenvolveu un inmenso labor poético, narrativo, ensaístico, académico, lingüístico, xornalístico, docente, ..., a prol de Galiza e da lingua e cultura galegas”, lembran no comunicado no que reclaman que “é tempo de que os grandes méritos do profesor Carvalho Calero sexan recoñecidos por unha Academia na que ingresara o 17 de maio do 1958”.
Cada ano, a Fundaçom Artábria
Como cada ano, a Fundaçom Artábria lembrará tamén ao profesor Carvalho Calero no aniversario do seu pasamento, desta volva, cun acto que terá lugar o domingo 30 de marzo ás 17 horas no barrio de Ferrol Vello, ao pé da súa casa natal na rúa de San Francisco 51.
A poesía virá da man de Antia Cortiças, Teresa Moure, Miguel Vento de Trasancos e Elia Rico e a música chegará de Loureda, con Alberto Pombo e Diego Bernal, que porán música ao poema "Todo termina mal". En representación de Artábria, Vítor Santalha pechará o acto de conmemoración da figura de Carvalho Calero.
Tanto unha como a outra homenaxe, alén de reclamar o Día das Letras Galegas para Carvalho Calero, denunciarán tamén o estado ruinoso da súa casa natal e reclamarán medidas urxentes que poñan freo ao deterioro do barrio de Ferrol Vello.