Xavi Sarriá

“Houbo un cambio espectacular no panorama da música en catalán en Valencia”

 

O ex-cantante de Obrint Pas recala esta sexta feira en Galiza para presentar o seu primeiro traballo en solitario, ‘Amb la esperança entre les dents’. Falamos con el de música en catalá, literatura, creación musical ou a escena musical valenciá.

xavi sarria

Xavi Sarriá actuará esta sexta feira, día 17, na sala Malatesta (Compostela), onde presentará o seu primeiro traballo en solitario, ‘Amb la esperança entre les dents’. Durante case 20 anos fixo parte de Obrint Pas, un dos grupos da fornada valenciá que estendeu a música en catalá por diferentes países. Agora chega a Galiza acompañado dunha banda “de grandes músicos e cunha inmensa forza”, advirte.

- Ves presentar o teu primeiro traballo en solitario, polo que moita xente buscará nel pegadas de Obrint Pas. Mais, que é vai atopar?

- Hai unha presenza lóxica da música que facía con Obrint Pas, foron moitos anos xuntos, fun medrando co grupo. Hai pois a herdanza do conxunto mais tamén novos camiños que explorei musicalmente. É un traballo máis amplo, hai forza, enerxía, cancións potentes e outras máis persoais e intimistas, hai esa mestura de estilos, de emocións.

- Chegas a Compostela no marco dunha xira que comezabas en Valencia. Que sensacións tiveches nos concertos?

- Moi ben, moi contento. En Valencia e Manresa a acollida foi moi boa, moi especial. En Valencia a xente tiña moitas gañas de concerto pois levabamos sen tocar desde que se desfixo o grupo. Foi unha festa moi emocionante, un reencontro.

- No propio título do disco hai unha chiscadela á literatura (“Amb la esperança entre les dents”, como o libro de John Berger) e en certa maneira liga cunha novela túa (‘Tots les cançons parlem de tu’). Como compaxinas música e literatura á hora de crear?

-  Eu empecei antes a escribir que a facer cancións. Sempre gostei de escribir. Despois boteime a facer cancións porque a música tamén é un poder de atracción sobre un, nomeadamente cando es mozo. Sempre compaxinei un pouco as dúas cousas. Un libro de contos, a novela que nomeas, que nace un pouco dunha canción de Obrint Pas, e a novela achegou ideas para o disco. Gosto de compaxinar as dúas cousas, son dúas formas de se expresar e ao final teñen o mesmo obxectivo: emocionar.

Còpia de XAVI_SARRIA_grup_1241-Pano_3

- A composición é a parte do proceso musical na que estás máis cómodo, da que máis gostas..

- É. Escribir cancións é onde gozo máis, estou máis na miña salsa (ri). O demais tamén pero xa é algo máis costa arriba. Pero, bon, os concertos, ver como as cancións medran e a xente as vive é algo bonito, algo incríbel.

- Pensas que neste disco se recolle ben quen é e que quer expresar Xavi Sarriá?

- Creo que mostra moito de min. A diferenza con Obrint Pas este é un disco máis persoal, falo máis de min, da miña visión, non é nese sentido tan colectivo. Reflicte iso, moita sinceridade, o meu xeito de entender a música. Estou moi contento, foron dous anos de traballo no que participou moita xente, moitos grandes músicos e iso tamén deixa pegada. Así que, en certo xeito, tamén é un traballo que ten ese pouso colectivo.

- Que cambio desde aqueles 90 nos que comezabades Obrint Pas  a agora para a música catalá en Valencia?

- Houbo un cambio espectacular. Nos 90 poucos grupos había que cantasen en catalán en Valencia,. Viviuse un tempo de crise após a ‘Nova Cançó’ nos 80 e 90. Non había moitos grupos. Entón empezou unha nova xeración de mozos, que medramos xa coa educación en valenciá, que tiñamos menos complexos e tiñamos gañas de facer cousas diferentes. Era un momento complicado, desde as institucións silenciábase a música en lingua propia. Mais creouse unha rede cultural de entidades, colectivos, que fixo posíbel que houbese un grupo como Obrint Pas.

Vinte anos despois, isto non só medrou senón que é incríbel o momento que vive a música en valenciá, con moitos grupos, moita diversidade de estilos e moito público mozo, e iso é o que dá vida, futuro, que é o que precisa a música nunha lingua minorizada.

- Antón Reixa falaba da internacional dos que cantan en raro, para se referir precisamente aos que optaban por cantar nunha lingua minorizada. Unha escolla que implica moitas veces ter que dar explicacións...

- Tamén poderiamos dicir parafraseando a Reixa aquilo de “linguas pequenas, grandes coraxes”. Cando comezabamos Obrint Pas todos os medios nos preguntaban o por que de cantar no noso propio idioma. Chegamos a un punto que estabamos cansos de contestar a a medios de Valencia preguntando por que cantabamos na nosa lingua. Ao final, cos anos, iso comezouse a superar, os grupos comezamos a gañar normalidade, gañar espazos, lograr superar eses prexuízos. O movemento agora en Valencia de xente que canta en catalán é moi grande, e esa pregunta xa non se fai tanto.

- A xira na que estás embarcado vaiche levar a distintos territorios, mesmo a Alemaña. Tes xa pensado, unha vez finalizada, cal vai ser a túa próxima estación? Literatura? Un novo disco?

- Facemos esta xira e no 2018 seguiremos realizando concertos, de certo. Despois quería empezar outro proxecto, un novo libro? Un novo disco? Non sei aínda (ri). Había tempo que non facía un disco e fixen un e agora estanme entrando gañas de facer outra novela. Mais aínda non teño claro. Preciso un tempo de repouso e despois como vaia xurdindo, será.

- Non é esta a primeira vez que ves actuar a Galiza. Si en solitario mais xa estivestes en varias ocasións con Obrint Pas. Que lembranzas tes?

- Moi boas lembranzas. Estivemos varias veces. Ir a Galiza era, nas primeiras veces, unha aventura. Non era normal que un grupo valenciá fose tocar a Galiza. Acolleunos sempre moi ben, desde o primeiro concerto, en Bueu. Ademais, como filólogo, interésame moito a lingua e a cultura de Galiza, polo que sempre é bo estar por aí.

Máis en CULTURA
Comentarios