Máis de 30.000 persoas pasaron polo Salón do Libro de Pontevedra

Tres semanas de intensa actividade chegaron á súa fin este domingo, 29 de abril. Máis de 30.000 persoas visitaron o Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Desde a organización salientan, sobre todo, os públicos adolescente e profesional.
 

salón libro pontevedra
photo_camera Salón do Libro de Pontevedra. Foto: Salón do Libro.

A que a dirección do certame -que atinxiu a súa edición número 19- cualificou de “salón máis internacional” reuniu máis de 150 actividades. Nelas participaron, ademais do público xeral, uns 60 centros escolares, 14 deles de ensino secundario e os demais de infantil e primaria.

O primeiro Congreso Internacional de Mediación Lectora, encontros profesionais de ilustradores, conferencias agrupadas baixo o epígrafe A lectura é unha arma cargada de futuro, o primeiro Encontro de Clubes de Lectura ou a Escola de Pais e Nais foron algunhas das novidades do certame. Con elas chegaron novas audiencias.

Na XIX edición do Salón de Libro México foi o país convidado. Unha delegación de doce profesionais impartiron arredor de 60 actividades. Ademais, autoras e autores galegos “transmitiron directamente o seu saber”: Rosa Aneiros, Anair Rodríguez, Ledicia Costas, Tamara Andrés, Anxo Fariña, Fran Alonso, María Reimóndez, Antonio García Teijeiro, Luz Beloso, Mercedes Queixas, Víctor Rivas, Kiko da Silva...

Librarías efémeras, obradoiros, contacontos e, tamén por primeira vez, o Salón máis alá do Pazo da Cultura e espallado por toda a cidade fixeron do encontro un con “gran repercusión a nivel Galiza e internacional”, segundo afirmou a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces.

Máis en CULTURA
Comentarios